Derradeiras vontades

Mario Paz González

Resúltame certamente incomprensible este moderno costume de andar remexendo gratuitamente na memoria dos mortos, pero un remata acostumándose a todo. Por iso non me sorprendeu escoitar de novo, coa conmemoración o pasado 22 de febreiro dos setenta anos do falecemento de Antonio Machado, voces que pedían a repatriación do poeta desde a súa tumba na localidade de Colliure, na Francia meridional. Alí o bo (“no bo sentido da palabra”, como el mesmo dixera) de Machado chegara un 29 de xaneiro de 1939, apenas un mes antes da súa morte, cruzando a pé a fronteira hispano-francesa, como moitos outros derrotados da infausta guerra fratricida en dirección ao exilio. Acompañábano a súa nai Ana Ruiz (que atoparía a morte catro días despois de que acaecese a do poeta), o seu irmán José e a súa cuñada Matea Monedero. O escritor e oficial militar republicano Corpus Barga facilitou as xestións para que puidesen aloxarse no Hotel Bougnol-Quintana da citada localidade francesa. Unha pneumonía acabaría co andaluz que se foi, como el mesmo predixera algo máis de vinte anos antes en fermosos alexandrinos, “lixeiro de equipaxe, / case espido, como os fillos da mar”.

Hai uns meses tamén saltou á luz o desexo, coa consecuente polémica, de levar a Lorca do barranco de Víznar, onde xace nunha fosa común de lugar incerto (dous son os máis probables). Ignoro en que punto andará o asunto a estas alturas, pero agora, coincidindo case co aniversario machadiano e na proximidade doutro aniversario, o dos cento dez anos do nacemento de Jorge Luís Borges (que terá lugar en agosto deste ano), escoitouse na República Arxentina unha reivindicación similar á apuntada máis arriba. A deputada María Beatriz Lenz, do goberno peronista de Cristina Kirchner, propuxo nun recente proxecto de lei presentado ante a Comisión de Cultura do Congreso arxentino reclamar a repatriación dos restos mortais do escritor enterrado en Xenebra. Pero tamén os doutros dous ilustres compatriotas: o escritor Julio Cortázar, enterrado xunto á súa derradeira esposa Carol Dunlop no cemiterio parisiense de Montparnasse, e un dos máis reputados compositores de América Latina, o músico Alberto Ginastera, que se trasladou a Europa en 1970 e que, como Borges, recibiu sepultura en Suíza.

Todo home é mortal, reza o siloxismo. Pero, aínda que moitos artistas, pensadores ou escritores consigan, coa súa obra, fuxir desa fatal certidume humana, a súa memoria non pertence a ninguén máis que a eles mesmos e, quizais, tamén un pouco aos seus lectores, aos cales pouco lles pode importar que o seu cadáver repouse nun lugar ou noutro. En calquera caso, o sitio onde estean enterrados, o lugar onde os sorprenda a morte, forma (como o desenlace nunha boa trama de ficción) unha parte tan importante das súas biografías (ás veces mesmo a máis importante, a máis significativa) que tratar de restituílos, se non foi a súa vontade expresa, ao lugar ao que supostamente pertencen, resulta absurdo e, talvez, só sirva para que o político de quenda poida anotarse un tanto e figurar na foto como quen ostenta un trofeo de caza.

Levar a Machado de Colliure (a onde: Sevilla, Soria?), lugar onde fica enterrado na compaña da súa nai, é un sinsentido. Furtarlle a visión desa mar que agora contempla xunto a Patrick O’Brian (autor de, entre outras, Master & Commander e tamén enterrado na localidade francesa) sería como tratar de borrar do mundo literario algunha das súas obras.

O mesmo podería dicirse, pois, de Borges, quen (a pesar do que digan uns ou outros) no fin da súa vida desexou descansar en Xenebra, tal como certifican o seu epitafio e a súa viúva, María Kodama. Trasladalo ao panteón familiar, próximo á tumba de Evita no Cemiterio da Recoleta sería hoxe incomprensible. Sería traizoar a súa memoria e a súa universalidade. E o mesmo sucedería no caso de Cortázar, acompañado en Montparnasse, non só da súa derradeira esposa, senón tamén de César Vallejo, Sartre e Simone de Beauvoir, Baudelaire…

Cada vez que se achega un aniversario literario de calquera tipo é para botarse a tremer vendo as iniciativas e propostas xurdidas desde algúns cráneos privilexiados provintes dos máis diversos sectores, políticos principalmente. Pregúntome se tamén estes días nos Estados Unidos (cando o pasado 19 de xaneiro se conmemoraron os douscentos anos do nacemento de Poe) alguén suxeriría afastar ao grande poeta bostoniano do cemiterio de Old Western onde fica enterrado, para trasladalo a algún outro lugar. Sen dúbida iso dificultaría enormemente o labor dese anónimo visitante que todos os anos desde fai cincuenta vai deixarlle unha botella como agasallo e homenaxe póstuma (e cómplice derradeira vontade) no día do seu aniversario.

mariopaz@avozdevilalba.com
Imaxe: allposters.com

27/02/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión