Roteiros da Cultura Galega

Redacción

A iniciativa “Roteiros da cultura galega” concíbese como unha plataforma de software e contidos que nos vindeiros meses poderán empregar as asociacións e entidades locais para crear de xeito sinxelo roteiros sobre o seu territorio que os usuarios poderán consultar en Internet, descargar ao seu GPS, teléfono móbil, ou imprimir un folleto personalizado do roteiro. Os seus compoñentes e as súas posibilidades interactivas gozan de moita amplitude: itinerarios, enlaces, fotografías, vídeos, imaxes de 360 graos e un gran caudal de información ao servicio de interesados e estudiosos. As entidades locais poderán facer uso do software, que estará depositado con código aberto dentro da Forxa de Mancomún, o repositorio de software libre da Consellería de Innovación e Industria, ou ben empregar directamente a aplicación instalada en culturagalega.org para visibilizar o seu patrimonio e cultura local.
Esta iniciativa comeza adicada ás tres figuras do Rexurdimento, Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, é o resultado dun protocolo de colaboración asinado o pasado mes de maio entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Innovación e Industria e contou coa colaboraciòn de dúas empresas e das fundacións que custodian a memoria e a obra dos nosos escritores aurorais. A súa creación supón un paso mais na xa coñecida iniciativa do CCG de combinar cultura letrada e novas tecnoloxías da información e da comunicación, sendo o primeiro paso dun longo percorrido que mais adiante prestará aos roteiros da Xeneración Nós ou de Álvaro Cunqueiro.
Imaxe: CCG
Pica aquí para consultar Roteiros da Cultura

03/02/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión