Un ano na rede e 30.000 visitas

E necesario que todo cambie para que todo siga igual (Lampedusa)
Redacción

Hai hoxe un ano xurdía a edición dixital deste medio de comunicación coa idea de fomentar o debate e facer análise da actualidade informativa en clave chairega. Na declaración de intencións de avozdevilalba.com destaca a defensa a ultranza da liberdade de expresión, tendo como norte a promoción da cultura e da lingua galega.

Por iso hoxe queremos agradecer as 30.000 visitas que levamos neste primeiro ano da nosa edición dixital, un aniversario que non sería posible sen vostedes. Os nosos principais obxectivos para 2009 son seguir apostando por un maior uso e presenza da lingua galega en todos os eidos da sociedade, a súa normalización como vehículo de comunicación dos cidadáns e a difusión da cultura galega en todas as súas facetas.

Sen esquecer os motivos que nos levaron a fundar A Voz de Vilalba en 1983, coincidindo coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística, prestaremos especial atención ao estudo, divulgación e conservación da tradición de prensa local -tanto en Vilalba como no resto de Galicia- e ao fomento da actividade xornalística, preferentemente a de ámbito local e comarcal. Seguiremos a ser un xornal ao servizo do pobo, segundo o noso principio fundacional.

04/02/2009

7 comentários :

  • Parabéns. Para unha vilalbesa que vive ben lonxe da terra, A Voz de Vilalba é unha refolada de aire fresco todas as mañás. Seguide adiante por ese camiño de compromiso e libertade.

    09:35 do 5 de febreiro de 2009

  • Son chairego e levo máis de 20 anos afincado en Ferrolterra; quixera agradecer aos promotores de A Voz de Vilalba os seus desvelos por informar sobre a Chaira con rigor e sen cortapisas. Ogallá o seu labor, que deberá ser recoñecido algún día, axude a cambiar a mentalidade dos vilalbeses e faga posible que algún día se produza o desexado cambio político en Vilalba. Ese día regresarei a celebralo e faremos unha grande festa. Grazas polo voso traballo e ánimo

    X.A. Rei

    09:48 do 5 de febreiro de 2009

  • A verdade e que dubidaba eu de que funcionara este Blog.Equivoqueime, do cal afortunadamente estou ledo, pois é neste Blog onde se poden leer diferentes opinións sobre a Chaira e Vilalba, sin cortapisas, só as que o decoro esixe, e que ademáis pareceme normal.
    Larga Vida para A Voz de Vilalba, libre e democrática

    FENDETESTAS

    11:26 do 5 de febreiro de 2009

  • Noraboa por esas 30.000 visitas, a pesar de Xulio Xiz, que non é o que máis contribúe a que este medio vaia adiante.

    Sds. Un lector do casco urbano de VILALBA,

    12:01 do 5 de febreiro de 2009

  • Parabéns pola iniciativa e por esta ventá aberta á liberdade, á democracia, á pluralidade... na nosa vila, necesitada, como alguén ten dito xa, dun refacho de aire fresco que vaia limpando a atmosfera caciquil e corrupta creada e mantida polos de sempre.
    Longa vida.
    Chema

    20:07 do 5 de febreiro de 2009

  • Coincido con comentarios anteriores. Suxiro que algún dos grupos municipais leve ao pleno unha moción solicitando formalmente ao Concello a denominación da rúa A VOZ DE VILALBA. Ben podería ser a actual Valeriano Valdesuso, preto do castelo.

    Rosa de Lanzós

    20:11 do 5 de febreiro de 2009

  • Noraboa ós creadores e mantedores deste medio de comunicación libre e aberto para tódolos vilalbeses, que podemos participar tanto escribindo e lendo as impresións daqueles que pensan como nós ou todo o contrario, por eso desexo con tódalas miñas forzas que as discrepancias nunca cheguen a niveis que fagan perdela forza que ten este medio e que perdure no tempo.

    Un abrazo

    Martín Seco García

    12:36 do 6 de febreiro de 2009

Danos a túa opinión