A voltas coa lingua


Xaquín Núñez Sabarís

Confeso que me encanta polemizar. Tanto como aborrezo as liortas nas que entra en xogo a manipulación de sentimentos. Entre estas, detesto especialmente as polémicas en torno á lingua que sorprendentemente a actualidade nos depara. Por iso me custa tanto entender e, por suposto, compartir as que a propósito do galego se están a xerar en Galicia estes días.

Sempre crin na capacidade de entendemento do ser humano e nas linguas como un espazo de encontro e concordia. E, en consecuencia, sempre tratei de aplicalo: son galegofalante, profesor de español, traballo nunha universidade portuguesa e na miña casa conviven as tres linguas: galego, español e portugués. Traballei en Galicia, Polonia e no Brasil e nas tres linguas devanditas rin, rifei, convivín, dei e recibín consellos, cantei e escribín. E só lamento que entre as eivas da miña formación figure a escasa competencia noutras linguas alén das tres mencionadas.

Por tal razón, insisto, non consigo participar das reivindicacións de determinados colectivos e sectores da sociedade galega que en favor dun suposto bilingüismo se manifestaron en Santiago de Compostela o pasado día 8 de febreiro, nin termino de crer que fagan do galego un problema e un motivo de discordia. E isto último é, por moitas piruetas argumentais que realicen, o que acontece. Pero vaiamos por partes.

Lamento discrepar –si é que mo permiten e non me encaixan no perfil radical e sectario que a miúdo debuxan- da coherencia e veracidade dos seus argumentos. Empezo, a tal efecto, negando a maior: a pretensión de bilingüismo. Dubidosamente se pode ser crible, como defensor da cohabitación das dúas linguas, cando o seu silencio planea naqueles ámbitos onde o uso do galego é insignificante ou cando non se alzou unha voz durante anos e anos contra a testemuñal situación do galego no ámbito educativo, que agora tanto preocupa. E non me refiro a épocas remotas, senón que me sitúo na meirande parte do período democrático. Se agora, ao seu entender, estamos nunha situación impositiva, gustaríame saber como cualificarían o período inmediatamente anterior. A excepción, claro, de que estimen que o peso de ambas linguas deba ser ponderado en diferente medida. Pero, desta maneira, xa non sería bilingüismo.

Outro argumento que me resulta sorprendente é a mención constante á liberdade individual, sobre todo no ámbito educativo. Curioso, sobre todo, en algúns dos colectivos que se manifestaron o pasado día 8 e que fan a miúdo bandeira da defensa do ordenamento legal, aínda que neste caso aposten por unha sorte de insubmisión institucional, segundo a cal os pais terían liberdade de escolla para obviar no ensino algunha das linguas oficiais. Prégolles, entón, que sexan consecuentes, xa que por vía constitucional e estatutaria, e as leis que emanan de ambos textos, dispoñemos de dúas linguas as cales temos a liberdade de usar, pero a obriga de aprender: así como as matemáticas, a historia ou a física. Pero é que, ademais, a nosa vida está repleta de exemplos onde o interese xeral se sobrepón á liberdade individual, sen que nestes casos se invoque a súa restrición: a protección do medio, a regulación do comercio e a conservación dos cascos históricos son algúns destes exemplos. Non creo que haxa moitas voces que se opoñan a accións deste tipo, en aras de preservar o ben colectivo e a nosa memoria cultural, na que, obviamente, se encontra o galego. Baixo estes parámetros, coido, por tanto, que non debería chamar a atención que se coidase a subsistencia e dignificación do galego. Salvo, claro, que a importante regresión que sofre en moitos eidos da vida galega non importe. Pero, claro, iso tampouco é bilingüismo.

O problema é que no fondo da disputa laten, segundo a miña opinión, os seculares prexuízos que consideran o galego unha lingua menor e maila crenza e temor de que a aprendizaxe dunha lingua dificulta a adquisición doutras. Respecto ao primeiro, xa nada máis quero engadir. E en canto ao segundo, relean, por favor, os parágrafos iniciais deste artigo.

25 de feb. de 2009

1 comentários :

  • Como non o profesor Nuñez Sabarís unha vez mais, ilústranos coa súa acertada visión da realidade lingüística do noso país. País no que non se atopa un neno que sexa capaz de manter unha conversación medianamente formal nun galego non castrapeado,e País, no que asemade padecemos a un grupúsculo que en troques de querer e coidar a súa cultura (da que porsuposto forma parte a lingua )o que pretenden é eliminala, como ben apunta Xaquín, por unha cuestión de vergoña propia,de constante depresión como pobo que non vén de agora se non que trae un percorrido secular.
    Parece que asistimos ó nacemento dun xenial comentarista digno de calquer tertulia de primeira orde (véxase o Programa de Ana Rosa ou mesmo 59 segundos sen facer de menos o glorioso Hai Debate),entendanme ben, sen quitaren mérito ningún a este xornal.
    Unha aperta grande Xaquín.

    25 de febreiro de 2009, 23:03

Danos a túa opinión