Comezo dos trámites para declarar o Castro de Viladonga ben de interese cultural

Redacción

Como xa se anuncio neste medio o mes pasado, a Xunta de Galicia incoou o procedemento para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de monumento, en favor do Castro de Viladonga, no termo municipal de Castro de Rei, como se di no Diario Oficial de Galicia do 5 de marzo de 2009.

O Castro de Viladonga, situado no termo municipal de Castro de Rei, na provincia de Lugo, está localizado sobre unha elevación de terreo no val inicial do río Miño e ao pé da serra de Meira, dominando gran parte da chaira oeste da Terra Chá. A súa monumentalidade chama a atención e constitúe, coas súas murallas, fosos, croa e antecastros, un verdadeiro arquetipo formal de castro, moi representativo do tipo de poboados castrexos da zona interior de Galicia.

Cronoloxicamente enmárcase no período galaicoromano, pois o momento de apoxeo da súa ocupación corresponde á época tardorromana ou baixo-imperial, entre finais do século II ou comezos do III d.C. ata o século VI, ben que nas derradeiras actuacións levadas a cabo nel puido constatarse a existencia dun nivel de ocupación anterior á conquista romana, datado entre os séculos II e I a.C.

A comarca en que se inscribe o castro, nunha beira da Terra Chá, é moi abundante xacigos de tipo castrexo dos que algúns deles se atopan certamente moi preto do castro de Viladonga, incluso algúns deles ao seu mesmo pé como é o caso da Rodela de Balmonte. Trátase de asentamentos que abranguen todo o período cultural castrexo tanto na etapa prerromana como no momento galaico-romano.

10/03/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión