A crise da construción?


Maria Xosé Lamas

Nunca gustei de conversar de política por dúas razóns: a primeira, porque carezo de moitas pezas do crebacabezas para compoñelo con éxito, a segunda, porque ás veces me poden máis os sentimentos que a razón. Non obstante, quen, despois dunha longa campaña electoral e dun día completo de seguimento ante os medios de comunicación e a reflexión á vista dos resultados dos comicios, se resiste a opinar?

Vaia por diante o antedito, para xustificar esta humilde, persoal e intransferíbel visión do acaecido. Antóllaseme como ao bo frade predicador, comezar con un exemplo: Preséntasenos a posibilidade de adquirir unha casa rural, pretiño da vila e a bo prezo; semellando estar en situación óptima para acadar os nosos propósitos –anceiados dende hai tempo- decidimos mercala, aínda sabendo que as súas condicións de habitabilidade son pésimas polo feito de estar abandonada durante un grande período de tempo. Eran moitas as veces que nos plantexaramos que facer cun predio nesas condicións se o atopabamos, moitas as ideas, moitos e ben estruturados os proxectos... pero sempre sen a vista real da casa que só existía na nosa imaxinación. Incluso, cando alguén se atopaba nesa situación, ousabamos criticar as súas accións: é un erro pórlle as escadas exteriores, quedaban mellor por dentro; se utilizara pracas solares, aforraría unha grande parte da enerxía eléctrica; as fiestras tiñan que ser máis grandes, para aproveitar mellor a luz do día e non de pvc branco, senón verde para harmonizar coa paisaxe, e un longo etcétera. Está claro que dende fóra todo semella máis doado. Agora, ante a finca recén adquirida, dentro dela, compriría unha fonda análise para tentar arranxala do xeito máis realista e tendo sempre en conta as nosas posibilidades e limitacións en todos os eidos (orzamentos, infraestruturas necesarias, priorización das reformas a realizar, tempo dispoñíbel...)

Nesta tesitura se atopou o bipartito hai case catro anos: Un predio para rehabilitar con moitas deficiencias ás que non soubo facer fronte. E non soubo porque neste caso os “propietarios” eran dous ben diferentes que no canto de analizar a nova situación e tomar decisións comúns, adicáronse a repartirse as distintas estancias da casa e facer cada un as obras segundo o seu particular punto de vista, iso si, criticando, de paso, o labor do outro nunha continua loita competitiva de “a ver a quen lle saía mellor”. Non se decataron de que Galiza era e segue a ser un todo e de que a miscelánea de proxectos non consensuados só pode desartellala.

Calquera que pasara polo lugar e observara as “reformas” e sobre todo as “formas” de facer, non erraba en pensar que o pouco que se apreciaba de novo estaba tan mal construído como o vello substrato do que partía.

Doutra banda, os antigos “donos” pasaron a unha oposición sen “oposición”, é dicir, “o que levades feito e nada, todo é un”, mais sen ideas que aportar e menos aínda axuda aínda que só fora loxística, xa que o edificio ocupárano eles moitos anos, polo que lle coñecían todos os recantos e doado lles era opinar onde se atopaban as humidades ou por que defumaba mal a fumeira.

Así as cousas, a finca estaba de novo á venda. Unha finca –non hai que esquecer- cun edificio acaso un pouco máis habitábel, pero con moitos erros arquitectónicos, rodeado dun lugar largacío dividido en catro grandes leiras. E a puxa estaba aberta e disputada entre tres coñecidas forzas: os antigos donos e os máis recentes propietarios, cada un polo seu lado, sen descartaren a alianza, iso si, convencidos que de ter unha nova oportunidade habían de facer as cousas mellor. Convencemento que non chegaron a transmitir á xente que deixaba a suor nas catro leiras anteditas que apoiaron maioritariamente a puxa dos antigos donos. Quen sabe se coidarían que era mellor o malo coñecido que o bo “por descubrir”, que a coñecelo nin tiveron tempo, nin quixeron darlle a oportunidade – que xa é descorazonador.

Por parte dos derrotados, é doado nos tempos que corren botarlle a culpa á crise do sector da construción. Pero non, non poden: había suficientes materiais, a necesaria man de obra, os técnicos precisos, só faltaba unha boa organización e a obra sairía adiante. Argumento este do que botaron man os vencedores, pero á súa maneira: da crise da construción, ao igual que da financieira que soportamos –ou aínda comezamos a cheirar- a nivel mundial, tiveron a culpa os gobernos da nazón galega e do estado español, que de estar noutras mans saberían como facerlle fronte, de seguro. E aínda houbo que acreditou nelo, amosándoo nas urnas.

As miñas felicitacións aos antigos –e xa actuais donos- desta fermosa terra por ter tanto poder de convicción. Asemade, deséxolles moita sorte, sen resentimento de clase algunha, van precisar dela. Eu, goberne quen goberne, vou seguir a verquer a miña pinga de suor por esta terra á que adoro e da que me sinto parte.

04/03/2009

1 comentários :

  • Grazas, María Xosé, por este fermoso artigo. Eramos moitos os que xa lle víamos as orellas ao lobo dende hai semanas, as enquisas internas do PSdeG xa apuntaban a posibilidade da maioría absoluta dos populares. Cometéronse moitos erros e non se soubo rectificar a tempo, prendeu o desencanto en boa parte do electorado de esquerdas e pasou o que pasou, a pesares da histórica participación. Xa nos veremos, non deixes de ser "Voz da Chaira", agora farán falla moitas voces -e máis luzes- para reinventarse e seguir o camiño. Apertas,

    Manuel París

    12:39 do 4 de marzo de 2009

Danos a túa opinión