Estrea de As dunas de Manuel Lourenzo, con Quico Cadaval como director

Redacción

O Centro Dramático Galego (CDG) estreou onte venres día 6 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago As dunas, obra escrita ad hoc por Manuel Lourenzo -Premio Nacional da Cultura Galega 2008 na categoría de Artes Escénicas- e dirixida por Quico Cadaval. Autor e director suman os seus talentos creativos nesta nova produción da compañía pública á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido", unha comedia cun destacado compoñente onírico que fala sobre especulación urbanística, corrupción, amor, desamor e sexo.

Proposto polo propio Manuel Lourenzo para levar a escena a súa obra, Quico Cadaval recunca no CDG tralo éxito acadado a pasada temporada con Noite de Reis. Nesta ocasión, o polifacético director ideou unha montaxe de teatro, danza e música en directo, para a que conta cun elenco multidisciplinar do que forman parte tanto nomes consagrados como novos valores da escena galega: Paula Buján, Evaristo Calvo, Paulo Oliveira, Manuel Cortés, Susana Dans, Christian Escuredo, Juan Carlos Mosquera "Mos", Iria Pinheiro, Rodrigo Roel e Davide Salvado. Completan o equipo artístico Baltasar Patiño, no deseño do espazo escénico e da iluminación, Gilda Bonpresa (vestiario), Armando Martén (coreografía), Bernardo Martínez (espazo sonoro) e Hugo Torres como axudante de dirección.

A estética do espectáculo inspírase na cultura popular dos anos setenta, especialmente nos filmes da chamada terceira vía (a medio camiño entre o cine chabacano e o intelectual), no cómic, na telenovela e na fotonovela. O resultado, en palabras do propio director, é "unha especie de pastiche cun pouco de aventura, un pouco de crítica política, un pouco de sexo e un pouco de risa".

A acción transcorre na Mariña luguesa, nunha nave industrial en desuso onde son convocados polo construtor Florencio Pardo, a gobernanta Lola, o intendente Serapio, o empregado Calí Caiate e unha tropa estrafalaria de músicos, bailaríns e cantantes para animar a inauguración do free spa "As dunas", un moderno balneario musical que terá como destinatarios a "amantes de praceres prolongados" e integrará actividades que van dende o relax ao goce musical pasando por "todo tipo de refinados praceres do corpo".

Para rexentar este gran complexo turístico-musical, o empresario contrata unha antiga noiva da xuventude, Lola, muller entrada en carnes, disposta e realista, que ademais lle segue querendo. A moza é moi hábil para controlar a Pardo, para rexentar o local e para se entender cos músicos. Coa chegada destes á nave, asistimos á presentación das súas vidas, das súas esperanzas, frustracións, soños e angustias. Así, sabemos dos amores homosexuais entre Serapio (home xa maduro e descrido) e Milo (mozo depresivo, pusilánime e torturado); das dotes musicais e amatorias do inmigrante Cali Caiate (caboverdiano residente en Burela, ou burelao con orixes caboverdianas); e das relacións de amor e celos entre Cristian, Eva, Melo, Lucinda e Helio, personaxes que se moven entre a esperanza nun futuro incerto e a prosaica realidade.

As dunas permanecerá no Salón Teatro até o xoves 2 de abril con cinco funcións semanais: os mércores e xoves ás 11.00 horas (agás os días 18 e 19) celebraranse as representacións concertadas con centros de ensino, mentres que os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas terán lugar as funcións para público xeral. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros os venres e sábados (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Tralas funcións en Santiago, o CDG iniciará a xira galega deste espectáculo que se prolongará até o mes de maio e durante a visitará O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 17 de abril), A Coruña (Teatro Rosalía, 24 e 25 de abril), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 29 e 30 de abril), Tui (Teatro Área Panorámica, 8 e 9 de maio), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 14 e 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, 22 e 23 de maio), Narón (Pazo da Cultura, 29 e 30 de maio) e Ferrol (Teatro Jofre, 13 de xuño).

07/03/2009

1 comentários :

Danos a túa opinión