Éxito na inauguración da Mostra Galicia pola Radio

Redacción

Desde o micrófono polo que Franco emitiu a vitoria na Guerra Civil ata o guión do programa Corre Carmela que Chove pasaron máis de 50 anos. E máis de 75 dende a introdución da radiodifusión en Galicia por parte dun grupo de galeguistas que vían no novo medio de comunicación un camiño para o novo amencer galego. Neste tempo foron moitos os cambios tecnolóxicos e sociais que marcaron a historia do medio, que influíu de forma decisiva no acontecer diario de varias xeracións.

E moitas desas historias son as que recolle a exposición Galicia pola radio. A historia falada que, como xa se anunciou en A Voz de Vilalba a semana pasada, se pode ver ata o 19 de abril na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela. Por alí pasaron no primeiro fin de semana da mostra máis de 1.000 visitantes.

Así, o primeiro elemento que atopa o visitante é unha parte do friso que Camilo Díaz Valiño (pai de Isaac Díaz Pardo) pintou en 1933 para simbolizar a relación entre o estatuto de autonomía e a radio como elemento de progreso e que se pode ver no baixo do número 19 da rúa do Vilar. No primeiro andar a mostra fai un percorrido cronolóxico pola historia da radio en Galicia, dende o ano 1932 onde podemos atopar a recreación por parte de Avelino Pousa Antelo do discurso de Antonio Fraguas no inicio das emisións de Radio Galicia, ata o desmaio no Parlamento galego de Manuel Fraga mentres pronunciaba un discurso en 2004.

E entrambos, máis de 140 documentos sonoros que van dende cuñas publicitarias ata indicativos radiofónicos pasando por rememoracións da chegada da radio aos fogares galegos e retransmisións históricas, como as do Prestige ou a visita do Papa Xoan Paulo II en 1989. Pero ademais do percorrido sonoro, a exposición fai un interesante repaso fotográfico que inclúe dende imaxes das primeiras emisoras e do traballo dos seus profesionais ata instantáneas privadas onde se aprecia a importancia que chegou a ter a radio na vida diaria da sociedade galega.

Bo exemplo é a fotografía de Virxilio Viéitez que preside unha das paredes do primeiro andar e onde podemos ver a Dorotea, unha veciña de Soutelo de Montes posando diante da radio mercada cos cartos enviados polo seu fillo emigrado en Venezuela, para saldar unha débeda. Se sobraba algo, pedíalle que mercara unha radio, e ela fixo a foto para que o fillo puidese ver que se cumpriran os seus desexos. Unha radio igual a aquela, e mesmo unha reprodución exacta da cadeira, se poden ver xusto ao lado da fotografía, unha das máis reproducidas da historia gráfica galega. Ademais deste aparato de radio, son moitos os que se amosan nesta exposición. Dende as primeiras de galena dos anos vinte ata modelos dos oitenta pasando polas radios de capela, os primeiros minitransistores dos anos 60 ou algúns dos escasísimos receptores que se fabricaron en Galicia e aínda se conservan.

Xunto coas radios, esta exposición amosa diverso material tecnolóxico imprescindible na evolución do medio, como foron os magnetófonos de fío e de bovinas, válvulas, lámpadas, discos de pedra, a primeira pletina de gravacións tras as de cinta aberta ou os primeiros reprodutores de CD da Radio Galega. Especial atención merecen os micrófonos. Hai dende un de Radio Ourense pertencente aos anos trinta ata micros sen pé dos anos 50 ou un da Radio Galega de 1985. Pero entre todos destaca un exemplar de RNE datado en 1939 dende o que se informou da vitoria nacional na Guerra Civil.

Xunto cos arquivos sonoros, as fotografías e o instrumental técnico, a exposición inclúe numerosos documentos de gran interese. Os primeiros, do arquivo de Manuel Beiras, son noticias propagandísticas a favor do Estatuto de Autonomía emitidos por Radio Pontevedra e Radio Galicia en xaneiro de 1.933. E é que a radio en Galicia xorde impulsada por sectores galeguistas que querían impregnar ao país da idea autonomista e vían na radio a mellor forma de chegar a todo o mundo, algo que lle resultaba máis difícil á prensa escrita por motivos xeográficos e educativos (a taxa de analfabetismo era moi alta).

Resultan moi curiosos os discos dos anos cincuenta e sesenta, coas tapas arrancadas por unha pacata e absurda censura que non impediría a difusión da radio, máis ben farían desta o medio case único para escapar da desesperada situación que se vivía no país. A mítica Radio Pirenaica ou as emisións en galego da BBC británica son boa mostra do escape que supuxo a radio para moitos galegos durante décadas.

11/03/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión