Mañá comeza en Salvador de Bahía o 3º Encontro Audiovisual Brasil-Galicia


Redacción

O Consorcio Audiovisual de Galicia, en colaboración coa Agência Nacional do Cinema do Brasil (ANCINE) e o Programa Cinema do Brasil, promove o 3º Encontro Audiovisual Brasil-Galicia que dará comezo mañá en Salvador de Bahía e se prolongará ata o vindeiro 15 de marzo. Con esta acción, preténdese dar continuidade e consolidar o interese acadado nas edicións anteriores celebradas en Sao Paulo -marzo 2007- e na Coruña -xuño 2008- e que contaron coa participación dunha trintena de produtoras e representantes do sector audiovisual de ambos países.

Nesta ocasión, unha delegación de quince representantes do audiovisual galego desprazarase ata Brasil coa fin de establecer novos contactos que poidan propiciar coproducións bilaterais e contribuír deste xeito á difusión internacional do noso audiovisual. Durante este evento anunciarase a publicación da Orde do 2º Fondo de Coprodución Galicia-Brasil. Ademais, terá lugar a 2ª Mostra de Cine Galego e un Encontro entre produtores galegos e brasileiros.

Coa fin de impulsar o desenvolvemento de longametraxes entre produtoras independentes de Brasil e Galicia, dentro do acordo de colaboración asinado entre o Consorcio e ANCINE, anunciarase a publicación do Fondo de Axudas á Coprodución para o 2009 que, como novidade nesta convocatoria, incorporará unha axuda a un proxecto documental, ademais dos xa existentes para dúas longametraxes de ficción e animación.

O Encontro entre produtores desenvolverase entre o 13 e o 14 de marzo e consistirá nunha primeira fase de Pitching, con presentacións por parte de cada empresa do sector e unha segunda xornada de entrevistas e reunións planificadas en función dos intereses profesionais dos participantes.

Como parte da delegación de profesionais do audiovisual galego, desprazarase tamén ata Salvador un representante da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), o actor Vicente de Souza, para presentar o novo catálogo accesible por Internet que o pasado mes de novembro lanzou a asociación co apoio da Fundación AISGE, a Secretaría Xeral de Comunicación e o Consorcio Audiovisual de Galicia.

A 2ª Mostra de Cine Galego no Brasil abarcará do 13 ao 15 de marzo e presenta unha escolma das producións galegas de recente creación que se proxectarán Fundação Cultural do Estado da Bahia. As películas que se proxectarán son: Los muertos van deprisa (Ángel de la Cruz, 2008); Los girasoles ciegos (José Luis Cuerda, 2008), El menor de los males (Antonio Hernández, 2006) e A noite que deixou de chover (Alfonso Zarauza, 2008).

Os actos oficiais que inaugurarán este acontecemento de gran trascendencia social e cultural para ambos os territorios, terán lugar no Museu de Arte Moderna da Bahía (MAM) e contarán coa actuación do artista galego Carlos Núñez e a presenza de Nacho Varela, director do Consorcio Audiovisual de Galicia; Silvio da Rin, Secretario Audiovisual do Brasil; Manoel Rangel, presidente de ANCINE; Antonio Polidura, Consul General de España na Bahía e Patricia Izquierdo, directora do Instituto Cervantes de Salvador de Bahía, entre outras autoridades.

11/03/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión