O PP consigue a maioría absoluta e recupera terreo en Vilalba


Redacción

A sensación no ambiente de que "o domingo hai partido" confirmouse. O PP conseguiu a maioría absoluta nas eleccións ao Parlamento de Galicia e incrementou os seus resultados en Vilalba respecto ás municipais de 2007, se ben non acada o 61,7% das autonómicas de 2005. Os populares reconquistan o poder da Xunta nunha xornada histórica de participación (70,5 % fronte ao 29,5 % de abstención). Este panorama esixe que a esquerda galega comece un proceso de reflexión do cal deben saír novas caras e novas ideas.

Co 100 % dos votos escrutados, os resultados a nivel do conxunto da nosa Comunidade indican o fracaso do proxecto común de PSOE e BNG, que deberán dar explicacións ao seu electorado -ao marxe das declaracións baixas de contido que fixeron esta noite Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana- e asumir responsabilidades políticas. As diferencias que, de forma repititiva, escenificaron en numerosas ocasións ante a sociedade, pasaron factura ao seu acordo de goberno e deron argumentos á oposición, que soubo transmitir adecuadamente as súas mensaxes a boa parte de electorado. Pola súa banda, Mariano Rajoy sae fortalecido coa victoria popular en Galicia que, xunto co apoio que poden facilitar en Euskadi para que goberne o PSE, abre un escenario radicalmente diferente ao que tiña diante o presidente do PP hai tan só unhas semanas. Algo parecido lle acontece a Rodríguez Zapatero, que terá que dar o visto e prace para que Patxi López goberne co apoio dos populares, o que lle suporá perder o respaldo do PNV para a aprobación dos Orzamentos Xeráis do Estado.

Sirva este análise que hai uns días facía o noso colaborador Antón Baamonde para entender algunhas claves do proxecto electoral: (...) O número de indecisos, o voto oculto son unha oportunidade para o PP. Se gaña non será por méritos propios. Un partido que carece do poder da Xunta, que perdeu dúas deputacións nas últimas municipais, que non goberna apenas ningún concello de certo tamaño -agás o de Ribeira-, que tampouco ten nas súas mans os recursos do goberno do estado e que leva noqueado dende as pasadas eleccións xerais non parece, en principio, un gran adversario. A iso pode sumarse que non puido gozar dos favores da prensa nin doutros medios e que nin tan siquera despregou grandes campañas de oposición salvo, no último momento, a polémica relacionada co custe dos mobles e o coche do Presidente Touriño e a orquestrada por Galicia Bilingüe contra a pretendida imposición do galego. Dado ese cadro, poderá entenderse que a súa victoria só podería interpretarse como o fracaso na xestión do bipartito que causou unha enorme decepción entre os seus votantes (...).

01/03/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión