Reflexión no PSdeG e no BNG


Antón Baamonde

Veremos que da de si o proceso de reflexión que se impuxeron a si mesmos PSdeG e BNG. A rápida elección de Pachi Vázquez parece responder ao desexo de Pepe Blanco de que alguén lle conserve a cadeira mentres non se decide a vir a Galicia. Non é probable, en efecto, que o ourensán sobreviva aos próximos dous anos. Este vai ser un tempo caótico no que os concellos do bipartito van a estar en perigo. A Coruña, Lugo e Vigo poden cambiar de mans. Ademais, non parece que el poda ser o candidato da renovación e, menos aínda, o que faga do PSdeG un partido con criterio propio, de estructuras sólidas e unha idea de Galicia congruente.

Nin que dicir ten que o ciclo político en España parece deparar malas noticias para o PSOE. Será difícil que acabe a lexislatura sen apoios estables no parlamento. Euskadi, co PSE en mans do PP vaille pasar factura, por non falar da esperada sentencia sobre o Estatut. De fondo, a crise galopante...

O BNG segue co seu factor eterno de bloqueo: a UPG. Non cabe dúbida de que ese partido -a verdadeira e única estructura orgánica eficaz do bloque- aportalle estabilidade, serenidade e pespectiva a longo prazo ao BNG. Fora da UPG todo é lixeiro e gaseoso. Pero tamén é certo que a un custe altísimo. É como se no PSOE tivera gañado a mediocridade guerrista. O control da estrutura faría inviable a adaptación aos diversos tempos políticos, reduciría a amplitude da mirada, impediría a renovación das elites do partido, o diálogo coa sociedade e a inclusión de novos militantes -dado que disputarían o poder dos vellos, o que é intolerable para estes- bloquearía a autonomía do goberno e, en fin, conduciría a inanidade política.

Se o BNG quere medrar ten que renovar a mensaxe e ter capacidade de seducción na Galicia urbana, o que presupón cambios que os nacionalistas nin se atreven a pensar, ancorados como están en non se sabe qué mundo. Quintana intentou -dun modo fallido- evitar ese ensimesmamento. O autismo e o sectarismo son os dous principais perigos para os nacionalistas… non é fácil, considerando a experiencia, que os eviten.

18 de mar. de 2009

2 comentários :

  • Comparto a opinión de que a UPG é unha rémora. Mais o discurso de que é "a única estrutura orgánica eficaz" no BNG está elabrado pola propia UPG.Fora de aí "todo é gaseoso" porque a U non quere outra cousa, non atura a competencia. A única estrutura eficaz para o BNG é converterse nun partido e abandoar o frentismo, que foi unha ferramenta útil para amalgamar o nacionalismo, pero que xa pasou á historia.

    E que volva "Sorpasso" Beiras, coño!

    22:09 do 20 de marzo de 2009

  • É abondoso xá que señan os medios de comunicación os que metan medo coa UPG, ademáis no sorpasso tamén estaba a UPG, polo que deduce que non é esta a organización que falla senón todo o contrario.A min gostame Beiras no sentido de que é unha persoa con unha enorme mochila de coñecemento Político, á falla de ter un candidato, pode que seña bó él, non o sei xa que ten a idade que ten, e en política os tempos son demasiado importantes, ou que repita Quintana e intentalo de novo, ou ben poñer a alguén que seña "coñecido".Supoño que as bases sabrán elaborar ideas, programa e escoller Candidato.Non debe o BNG quedar "anquilosado", sería o seu peor enemigo, quedando relegao a unha forza residual.É o que teñen as eleccións, o mesmo te suben que te baixan, máis Feijóo9 teno dificil para repetir se BNG e PSOE saben instrumentalizar as vilas e cidades de Galiza, que na súa grande maioría está gobernadas por eles.

    10:37 do 21 de marzo de 2009

Danos a túa opinión