Valle-Inclán antigalego

Bruno Marcos

Os que coñezan as letras galegas a fondo seguramente terán xa noticia desta diatriba que o escritor Manoel Antonio lanzou a comezos do século XX contra o mestre Don Ramón María, tan envilecido, por aquel entón, na vida bohemia da capital de España. No que semella un efluvio nacionalista Manoel despáchase sen delicadezas coma se todo o universo galego que transpira a obra de Valle non valese nada por non se ter expresado en galego.

Manoel Antonio, acaso pola súa propensión ultraísta, viuse impelido ao máis absurdo aínda ao culpar a Valle da perversión dos mozos galegos que introducía na bagatela literaria en castelán coma se os botase á roca Tarpeia ao non valorar a lingua vernácula por riba da mesma literatura.

Escribe no texto intitulado «Pollitos bien»:

Comenzaremos invocando a Valle-Inclán.

Maestre: Chamamos-lle maestre por ser vostede o «maestre» d'a Xuventude imbécil de Galicia. Noso non; que, endeben, sabemos comparar a sua modernidade co-a cobardía d'o debre que tan só pode vivir facendo claudicantes concesións o forte.

Non tería o seu nome acolleita n-istas liñas si quixeramos tan só chamar-lle aquilo. Pero ten que ser ó falar d'ise fato de cabezas focas, nenos «foulard e de rubí», engayolados pol-o innegable prestixo d'a prosa e d'a ridícula mintira d'unha epopeya aventureira que vostede, unha e outra, falsificou.

Sabemos que con intremeios himnarios ó Gran Pontífice d'a Valdeireza en traxe de festa (Este Gran D. Ramon…) entran a estrago pol-a fala meseteira, con gran desprestixo d'ela, por certo. Tamén sabemos que adoecen de imbecilidade, inxénita ou contaxada, e que a vostede lle debemos o tel-os levado para "alá". Isto derradeiro é cousa que nunca ben lle agradeceremos.

Agora, o que quixeramos consiguir d'a sua incensada persoalidade sería que intensificase a campaña castelaizante porque nos arripía o pensamento de que eles se coidasen chamados por istas nosas vervas de mocedade e chegase algún a desertar de la «lengua de Cervantes» para vir a valdeirar n-a nosa Fala as producións d'o seu serrín encefálico. Isto estaría moi mal. Mal pro castelán, idioma oficial d'a cursilería, que, pol-o mesmo ten dereito a aquelas cousas, e mal pro galego, dino de moito mellor sorte.

E a vós, probiños mamaleites literarios, desexamosvos cordialmente que calquer día vos pubriguen un verso n-a derradeira folla d'unha d'isas indixentes revistas madrileñas, doada palestra d'os vosos esforzos, que é o maisimo desideratum voso.

Madrí precísa-vos para persoaxes d'a sua opereta.

05/03/2009

1 comentários :

Danos a túa opinión