Visitas escolares á Mostra "Galicia pola Radio"

Redacción

“Tres, dous, un... dentro”. Carlos, María e Iago, cuns enormes cascos na cabeza e os ollos moi abertos, agardan a orde do técnico para comezar o programa de radio co que rematará a visita de hoxe á exposición Galicia pola radio. Eles, xunto con 16 compañeiros máis, saíron a primeira hora da mañá do colexio para gozar dunha clase diferente na Fundación Caixa Galicia de Santiago.

Á súa chegada, varias monitoras lles explicaron a historia da radio en Galicia a través da exposición que estes días acolle a sede compostelá da Fundación. Alí puideron ver as antigas radios que escoitaban os seus avós e oír algúns fragmentos históricos, como o desmaio do ex presidente da Xunta de Galicia durante unha sesión no Parlamento en 2004 que provocou os risos de varios cativos. Mentres tanto, outros quedaban pasmados ante as enormes reproducións de dous vellos aparatos radiofónicos situados no primeiro andar.

Aínda que non todos chegan a comprender a importancia que este medio de comunicación tivo na historia máis recente de Galicia, pronto entran na maxia da radio, especialmente cando as monitoras os avisan de que presten atención, xa que pronto serán eles os protagonistas. Os nervios afloran e os rapaces se miran uns aos outros con expectación.

Xa na planta baixa, antes de entrar no estudio dixital, os nenos traballan, sentados no chan, as súas intervencións. En grupos de catro van preparando os textos que uns minutos despois quedarán inmortalizados por obra e arte da radiodifusión. Os nervios aumentan e tamén os berros dos pequenos locutores se van facendo máis fortes a medida que chega o momento. Sentados á mesa, colocan os cascos ante a atenta mirada dos seus compañeiros, proban os micrófonos e, cal Luis del Olmo, comezan o seu primeiro programa de radio.

Ritmo, imaxinación e, sobre todo, moita naturalidade. Con moitos risos, varios tropezos e algunha que outra parada, os pequenos conseguen gravar as súas mensaxes e escribir novas páxinas na historia deste medio do que, quizais, algún deles forme parte no futuro.

Todos os colexios interesados en visitar a mostra, poden poñerse en contacto coa Fundación Caixa Galicia no teléfono 981 552577 ou no correo electrónico fundacion@caixagalicia.es

28/03/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión