Volta a comezar


Antón Baamonde

A batalla das interpretacións avanza imparable. Xa están aí Pepe Blanco, Méndez Romeu e outras voces no PSdeG afirmando que a culpa é de gobernar co BNG. Pero, coñece Méndez Romeu outra forma en que o PSdeG poida gobernar en Galicia senón é en coalición? Polo seu lado Beiras, no BNG, pide a refundación e non faltan os que acusan da derrota ao PSdeG por un motivo ou por outro. Agardemos que, nun segundo momento, haxa máis sentidiño.

En todo caso é un combate importante, porque se non hai un bo diagnóstico non pode haber unha boa rectificación. De momento, e máis aló das paranoias, nas filas dos perdedores imponse o pesimismo: a idea de que podemos estar ante un ciclo longo de poder en mans do PP. Dende logo, ben puidera ser. Nada hai escrito.

Tamén se impón esta dobre lectura: o PP gañou pola incapacidade de PSdeG e BNG de ofrecer a imaxe e a realidade dun goberno forte e pola decepción que causou aos seus propios votantes que non foi compensada pola captación de votos conservadores. Derívase de aí que no futuro as dúas forzas terían que facerse responsable de todas as políticas que poñan en marcha, por un lado, e deixarse de medias tintas e gobernar coa mirada posta nos propios electores -máis que nos quiméricos votos dunha dereita que se pasaría “en masse” á vista da inocuidade bipartita-.

A grande lección das urnas é que en Galicia o voto funciona como en todas partes. Un pouco pola variable ideolóxica e outro pouco polo humor do momento. A outra é que as dúas forzas teñen que renovar rostros, discurso, talante. Se continúan empeñándose en candidatos grises, antipáticos e sen unha soa idea perderan as cidades onde gobernan. Esa é a próxima cita real.

Mariano Rajoy expresou esta sentencia “Galicia é do PP”. É unha idea falsa, consoladora para os que perderon. Se nos últimos vinte anos non houbo máis período de goberno bipartito que o que acabou o pasado domingo foi porque non podía habelo. Non había competencia, senón cohabitación entre Fraga e Vázquez. Quero dicir que a relación de forzas entre PP e PSdeG e BNG -entre os dous campos- nunca foi tan descompensada. Os dous campos son relativamente simétricos, aínda que teñan tres vectores.

Se no futuro PSdeG e BNG conseguen convencernos gañarán e se non, non. Así de simple. Claro que tamén está aí a caverna mediática.. En realidade, o gran dato das últimas eleccións foi a súa capacidade de impoñer a axenda e a indefensión do bipartito, despois de ter regado con cartos a moreas entre outros aos medios que lle fixeron perder… Pero esta é outra historia.

7 de mar. de 2009

3 comentários :

  • A culpa é única e exclusivamente do PSdeG, eu son socialista dende que ainda non nacera, e vin con estupor coma nos deixábamos marear polo BNG dando a impresión de que eran eles quenes governaban Galicia, non soupemos dar un golpe na mesa e deixar ben claro que eramos nos os que tiñamos 25 parlamentarios e eles soamente 12, despois en campaña deixamos que nos demacraran os do PP sen sairlles a respostar a ningunha das mentiras vertidas, fixeron unha campaña cocha sí pero que lles deu resultado por culpa de non saber respostar con cifras a tempo. Tamén a campaña nosa foi lamentable, os conselleiros en xeral non se viron e so Ricardo Varela traballou coma tiña que ser, o Presidente da Xunta sainte pecou de prepotencia e fixo escasos actos mentras que Feijoo recorreu toda Galicia.
    Estas eleccións perdeunas o PSdeG por culpa do seu exSecretario Xeral e exPresidente da Xunta por non saber xestionar a posición que lle otorgaran os galegos facía 4 anos.

    18:24 do 9 de marzo de 2009

  • Perdón resteille 1 ao BNG tiñan 13, traizoume os últimos resultados. Disculpas.

    02:20 do 10 de marzo de 2009

  • É normal que cadaquén lle vote a culpa a quen queira.Sin ánimo de liar a naide, coido que o PSOE perdeu por sí mesmo e por frear ó BNG nas suas políticas.De seguro que si preguntas polo traballo do Bipartito diranche o que fixo o BNG e non o PSOE.Para mostra, as primeiras declaracións de feijóo, fora Galescolas,a Normalización Lingúistica tamén fora, esta última por certo pagouna o BNG pero dependía dunha Consellería do PSOE, a concesión de Parques Eólicos vai ser revisada e foi como foi tamén por parte dos socialistas, que se foron das reunións previas ó desenlace para facer quedar mal ó BNG, a Lei de Dependencia, que non veu acompañada polos cartos necesarios para cumplila con máis rigor, as Normas Hábitat, que xa queren eliminalas os Constructores....etc.O BNG cumpleu como socio e o PSOE foi enemigo.
    O PP xa dixo que ía apoiar ó PSOE en Euskadi, non che extrane que faga algún tempo igoal eiquí, pero teno moi dificil de explicar.
    E tedes que ter as cousas claras, para que Touriño fose Presidente tivo que contar cos deputados do BNG e viceversa, así que é cousa de dous, por moito que se pete un sin o outro non fai nada.A política é así, ou non lembras que o BNG tamén lle quitou as castañas do lume a ZP.Albiscanse tempos moi duros para PSOE-PP, e non tanto
    para o BNG, en Galiza e máis no Estado.A quen lle goste a política, dende logo que se vai divertir có que nos ven enriba,Feijóo xa empezou có prestamento da Citroên , se esta pide unha ERE como se decía, a ver que fai Feijóo, que a culpa é do Bipartito?, ou da Crisis? de ZP?.Xa veremos.O estupor non é polo BNG, que foi un bó aliado con moitas puñaladas trapeiras de Touriño, ou o PSOE, como queiras, e ten en conta que a visión Centralista do Estado, a ten exactamente igual que o PP.


    FENDETESTAS

    11:09 do 10 de marzo de 2009

Danos a túa opinión