Agustín Fernández Paz


Xulio Xiz

Vilalbés residente en Vigo, Agustín ten conseguido gañar tantas batallas que posiblemente o convirtan no vilalbés máis victorioso nas teimas máis importantes, que son as da convivencia e da cultura.

Aínda que somos da mesma colleita, nados os dous no 1947, non teño recordos del na miña etapa vilalbesa, xa que estudiou fóra de Vilalba. E coñecímonos bastante máis tarde, pola coincidencia de participación en actividades diversas de tipo cultural, nas que sempre se pode contar con Agustín.

Polo seu traballo de escritor, especialmente de literatura xuvenil, Agustín ten conseguido todas as distincións posibles e todos os premios que se conceden en Galicia e en España. Os seus libros están incluidos nos catálogos máis distinguidos, recomendados polas máis destacadas institucións e –sobre todo- son seguidos por milleiros de lectores que recoñecen a especial fertilidade da mente de Agustín para crear mundos novos para os novos e non tan novos, e sempre desde a maior naturalidade e sinxeleza de maneira que parece como se o tema non tivese maior importancia.

Por se hai algún vilalbés que non o saiba, digamos que unha pedra no vilalbés “Paseo dos soños” á douscentos metros xustos do Muiño do Rañego, leva o nome de Agustín. A primeira pedra, ó lado do muíño, é de Paco Martín, polo libro “Das cousas de Ramón Lamote”, a segunda de Manuel María por “Os soños na gaiola”, e a terceira –libros de pedra amontoados polo escultor Valdi- é de Agustín Fernández Paz. Marca un dos hectómetros literarios nos que está dividido este Paseo que cada ano ve incrementados os seus puntos de referencia cunha nova pedra.

Precisamente esta homenaxe de pedra rendéullese en 2008 nun acto celebrado no Muíño do Rañego por térselle concedido a Agustín o premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro “O único que queda é o amor”.

Ese é o problema: Leva Agustín tantos premios no seu haber que eu coidaba que este galardón xa o obtivera con anterioridade. Non foi así, pero chegou o ano pasado. Ben está, porque –aínda que barra para a casa ó dicir esto- coido que Agustín está no mellor da vida, pura mocidade, como escritor e como home e moito podemos aínda agardar da súa pruma (que antes se dicía); do seu ordenador. Da súa cabeza, a fin de contas.

Pero esta miña dedicatoria de hoxe a Agustín é porque entra en vida nunha nova dimensión co acordo do Instituto Auga da Laxe de Gondomar, Pontevedra, de poñerlle o nome de Agustín Fernández Paz á súa biblioteca.

Normalmente estas homenaxes réndense “in artículo mortis” ós persoeiros destacados, lembrando o que fixeron pola comunidade. Que esto se recoñeza en vida significa que neste país están cambiando as cousas, que non só se recoñece o traballo dos que non están connosco, senón que podemos e debemos facer as honras en vida.

Das posibles homenaxes que se lle fagan a un escritor poucas máis axustadas que darlle o seu nome a unha casa dos libros, a unha biblioteca frecuentada por rapaces. Neste caso, ben interesante para nós porque algo nos toca ós vilalbeses que nos sentimos relacionados cun dos nosos que toca a gloria literaria coas súas mans nun nomento en que lle queda aínda modo que crear e facer disfrutar.

Aínda que un ben sabe que Vilalba ten moi presente a Agustín Fernández Paz, que o recoñece como un dos seus máis destacados, non está de máis lembralo, e desde aquí divulgar esta homenaxe que se lle fai en terras pontevedresas e deixar caer a idea de que nesta nosa terra hai moitas accións que se poden emprender en homenaxe a xente como Agustín, ós que temos dereito a reivindicar, dos que podemos presumir, e ós que temos o deber de honrar.

12/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión