"Puntos de encontro. Puntos de fuga" do escultor Álvaro de la Vega

Redacción

O director de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou o pasado día 26 na Biblioteca Ánxel Casal a exposición "Puntos de encontro. Puntos de fuga" do escultor Álvaro de la Vega. A mostra, que poderá visitarse ata o 26 de abril, invita ao espectador a reflexionar sobre a realidade humana e sobre a percepción do espazo mediante a disposición das esculturas no interior do edificio.

A proposta de Álvaro de la Vega amosa 129 cabezas humanas feitas en cerámica fendidas á metade, e cunhas mínimas pinceladas de cor. A presenza contundente das súas esculturas derívase do seu volume e da súa colocación nun espazo habitualmente baleiro como son os chanzos das escaleiras desta biblioteca.

O autor foxe da estilización da figura humana para revelar a forza expresiva da cerámica mediante fendiduras, ensamblaxes, arames ou a propio inacabado das pezas. Desta maneira cada peza transmite a sensación de desacougo do imperfecto, do aínda non rematado, pero tamén de dor, de ferida e de crueldade.

Álvaro de la Vega formouse na Escola de Belas Artes de Barcelona, onde explorou o mundo da ilustración, do cómic, do graffiti, pero sobre todo da pintura. Nos noventa comezou a centrase na escultura, especialmente na representación da figura humana.

Na última década a súa obra xirou cara a reflexión sobre cómo interpretar a realidade a través da arte e cómo calibrar o concepto de espazo. O seu traballo traballo, realizado sempre sobre madeira, cambia esta vez de materia prima, escollendo a cerámica como fórmula novidosa para as súas creacións. Malia o cambio de material, as súas esculturas feridas, que en ocasións rozan o tétrico e angustioso, conservan o espírito das súas anteriores obras, que forman un conxunto artístico sen igual dentro da arte contemporánea galega.

02/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión