Espazos sonoros

Redacción

Un pequeno circo sonoro de música e obxectos nunha igrexa; sons experimentais e jazz nun hangar da Segunda Guerra Mundial; un música de gramófonos e fonógrafos nun museo, as primeiras actuacións en Galiza de Rolf Lislevand e a Ensemble Kapsberger... Estas e outras moitas propostas son as que presenta a segunda edición de "Espazos Sonoros", organizado pola Consellaría de Cultura. Do 15 de abril ao 28 de xuño igrexas, museos, mosteiros, pazos e outros espazos culturais acollen concertos de música clásica, contemporánea e experimental.

A segunda edición de Espazos Sonoros conxugará propostas musicais de diferentes estilos coa valorización de espazos singulares do patrimonio cultural galego. O festival este ano medra en días, formacións e concertos. Ao longo de dous meses e medio desenvolveranse en 27 espazos culturais de de Galiza 88 actuacións a cargo de 36 formacións galegas e internacionais. As 23 localidades que acollerán os concertos son:

* A Coruña, Santiago, Sada, Betanzos, Padrón, Noia;
* Lugo, Cervo, Guntín, Monforte, Castro de Rei;
* Ourense, Celanova, O Barco, Ribadavia, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía;
* Pontevedra, Vigo, Cambados, Redondela, Tui e Tomiño.

En Espazos Sonoros teñen cabida un amplo abano de propostas nas que se dilúen as barreiras entre diferentes estilos musicais: música vocal, antiga e de cámara, música para órgano, jazz, canción de autor, folk, música contemporánea, electrónica e incluso danza. Neste festival, o atractivo das actuacións programadas está reforzado polo carácter singular dos espazos nos que teñen lugar os concertos.

O festival ábrese o 15 de abril no Hostal dos Reis Católicos de Santiago coa actuación de Tasto Solo e Germán Díaz, na que se mesturarán a danza antiga e os instrumentos de corda do século XIV. Será o arranque dun festival que conta con numerosas propostas de gran atractivo para os afeccionados e o público xeral:

* a música antiga de Ensemble Kapsberger, Rolf Lislevand, Austrian Baroque Company, o Grupo Meendinho, Ensemble Galante, e o Coro Campus Stellae e os Menestreis de 1500;
* as diferentes formas de enfrontarse á música para órgano de Amandine Beyer e Martina Schobersberger, Camerata Vivace e Soledad Mendive, e Jean-Luc Guionnet e Sejiro Murajama;
* a música de compositores do século XX interpretada por Nicasio Gradaille, Galicia XXI, e Ensemble Iulius XII;
o jazz nas súas diferentes correntes de U-lo Trío, Desidério, 2uS, Abe Rábade Trío, Terele Gradín e Manuel Gutiérrez, e Animales Domésticos;
* a música contemporánea de Aleksander Kolkowski, Madame Cell, a Orquestra Omega, e Pierre Bastien;
* os achegamentos á música folk e popular de Emilio Cao, Jazzica, ISGA Collective, Lonely Drifter Karen, e Moscow Art Trio;
* as sonoridades dos instrumentos de corda de Jozef van Wissem, Mateo Arnáiz, Cuarteto Ephimere, Los Cuatro Elementos, e Le Trio Joubran;
* e os cruces con outras disciplinas artísticas: coa danza en Escoitar Danza, co circo en Le Petit Cirque e co teatro en Os Fonocontos.


Un dos aspectos destacados de Espazos Sonoros é que a maioría das actuacións programadas traspasan os lindes entre xéneros, épocas e estilos de música. Tamén destaca a importante presencia de artistas galegos e doutras latitudes afincados en Galiza, xunto con intérpretes doutros países. O obxectivo é mesturar formacións de prestixio internacional con grupos novos que se abren camiño na música clásica e contemporánea.

Unha das marcas distintivas de Espazos Sonoros como festival único no panorama galego é o feito de que se desenvolve en espazos culturais espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito póñense en valor lugares destacados polo seu interese desde o punto de vista arquitectónico, artístico ou cultural. Facilítase tamén o achegamento do público a ditos espazos e á súa significación.

Co obxectivo de dar a coñecer novos lugares do noso patrimonio, a maioría dos espazos incorpóranse este ano ao festival. As actuacións desenvolveranse en:

* museos e centros de arte como o Museo de Belas Artes, o Aquarium Finisterrae e a Casa do Home (A Coruña), o Museo Carlos Maside (Sada), a Fundación CIEC (Betanzos), o Museo de Sargadelos (Cervo), o Museo Provincial de Lugo, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o novo edificio do Museo de Pontevedra e o Museo do Mar (Vigo);
* igrexas e mosteiros como a igrexa da Universidade (Santiago de Compostela), Santa María a Maior de Iria Flavia (Padrón), Santa María a Nova de Noia, Santa María de Ferreira de Pallares (Guntín), Santa María da Régoa (Monforte), San Salvador de Celanova, Santa María a Real de Xunqueira de Ambía, o mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (Xinzo de Limia), a igrexa da Madalena (Ribadavia), San Bieito de Fefiñáns (Cambados) e a catedral de Tui;
* edificios civís urbanos como o Hostal dos Reis Católicos (Santiago de Compostela), o pazo de San Marcos (Lugo) e a Casa Riocigüeño (O Barco de Valdeorras);
* e outros espazos especialmente singulares, como o forte de San Lourenzo de Goián (Tomiño), a illa de San Simón (Redondela) e o aeródromo de Rozas (Castro de Rei).

04/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión