Ferrol Vello como Ben de Interese Cultural

Redacción

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 1 de abril a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte pola que se incoa o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de conxunto histórico o barrio de Ferrol Vello, na cidade de Ferrol. Iníciase agora o procedemento administrativo que, nun prazo máximo de 20 meses, debe determinar se Ferrol Vello pasa a formar parte da listaxe de bens que contan co máximo grao de protección previsto legalmente. En calquera caso, desde a publicación no DOG e mentres non se resolva o procedemento, Ferrol Vello conta de forma provisional co réxime de protección sinalado para os BIC.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conta coa opinión favorable á declaración por parte dos tres organismos consultivos aos que se solicitou informe previo: a Universidade de Santiago, a Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e o Consello da Cultura Galega. Agora ábrese un período de información pública dun mes no que as persoas ou entidades interesadas poden examinar o expediente na Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural e interpoñer as alegacións que estimen oportunas.

A resolución destaca a "unidade e calidade do trazado medieval aínda presente no barrio" como un dos principais valores patrimoniais de Ferrol Vello. Sinálase que "o chamado hoxe 'barrio' foi no seu día a vila histórica de Ferrol, documentada como tal desde o século XVIII". Na actualidade, aínda que perdeu as arquitecturas medievais primitivas, conserva todo o seu tecido viario orixinal. Unha gran parte do seu casarío identifícase coas elementos significativos das vilas mariñeiras.

No texto da resolución apúntase que "urxe manter e conservar este espazo no mellor estado, porque só a súa existencia, a súa localización no extremo occidental da poboación, o seu rueiro espontáneo e irregular, a súa discreta amplitude e a variada tipoloxía das súas vivendas serven de perfecto contrapunto para valorar tamén a novidade, o racionalismo e o mellor nivel urbano do veciño barrio da Magdalena".

Ademais do ámbito declarado como BIC, a Dirección Xeral de Patrimonio establece unha zona de respecto, para estender a protección a áreas do contorno que serven de transición co resto da cidade.

Ler a Resolución no DOG
Imaxe: Urban idade

13/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión