Mini e Mero, Pedrón de Ouro 2009


Mª. Xosé Lamas & Paulo Naseiro

Mini e Mero son dúas formigas obreiras que desde 1972 veñen facendo unha extensa e paciente recolleita de música tradicional e literatura oral galega, salvando deste xeito unha parte importantísima do noso patrimonio inmaterial, dedicando tempo, esforzo, ilusión e dando mostras dun activismo cultural e social exemplar, ben raro neste país.

Froito desta pescuda son publicacións como Contos de vellos para nenos, Somos lenda viva, Nadal en Galego (de música sobre o Nadal) e Coplas cantos e Romances de cego. Pero a grande maioría do froito deste labor detectivesco permanece inédita, gravada en milleiros de cintas que, pouco a pouco, van acadando formato dixital, e que próximamente formarán parte dunha base de datos accesíbel a todo o mundo, mediante a colaboración do Museu do Pobo Galego.

É por iso que lles van dar o Pedrón de Ouro 2009, o máis senlleiro premio da cultura galega, que honra aos galegos que máis se teñan destacado na defensa e a promoción das diversas facetas da nosa cultura nacional, ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida, como é o caso. Será o vindeiro 24 de maio, ás 12:30 da mañá, na Casa da Matanza rosaliá.

Mini e Mero son tamén o cerne d´A Quenlla, como o foron antes de Fuxan os Ventos, as dúas formacións case mitolóxicas da música popular galega. A Quenlla, xurdida en 1984, puxo todos estes anos unha especial atención na cultura tradicional, asumindo como base a memoria colectiva e, como fundamento histórico, recuperala do abandono e do esquecemento. É por iso que moitas veces traballan con textos de poetas e de escritores para, imprimíndolles musicalidade, devolvelos en forma de canción e de mensaxe.

E, por fin, Mini e Mero son Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, dous chairegos inseparábeis da fornada de 1951, nados os dous no mes de Sanxoán, aquel en Pacios e este en Vilalba, no cuartel vello. Dous grandes tipos que están sempre alá onde se reivindica e defende a nosa cultura. Dúas magníficas persoas a quen se pode calificar, sen temor a esaxerar, de bos e xenerosos.

Así que, parabéns, que o merecedes.

18/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión