Musealización da vila romana de Vitreo en Lugo

Redacción

No 2000, as obras de construción no novo edificio da Vicerreitoría do Campus de Lugo fixeron saír á luz un importante xacemento romano, tanto polas súas dimensión coma polas súas características e conservación. Cultura decidiu entón a súa conservación "in situ", o que implicaba facer compatible a súa musealización co levantamento do novo inmoble.

Desta maneira, optouse por unha solución técnica consistente na colocación dunha estrutura que servise ao mesmo tempo de cuberta dos restos e de base para o edificio e que une a Muralla coa praciña da Universidade.

O xacemento componse dunha gran domus da primeira época do imperio, con modificacións posteriores. O espazo artéllase arredor dun patio lousado flanqueado por varias estancias nas que se atoparon pezas de gran valor como utensilios, moedas, muíños de agro, restos de cerámica... O elemento máis salientable deste conxunto é o templo dedicado ao deus Mitra, un pequeno edificio de planta rectangular e que testemuña a presenza de cultos orientais na cidade de Lucus Augusti. Xunto ao altar mitreo destaca tamén parte da muralla da vila, ben conservada e cunha altura importante nalgunhas zonas. Estes descubrimentos considéranse de vital importancia para o coñecemento da historia da cidade.

O proxecto de musealización propón un percorrido circular a través de plataformas elevadas que permiten atravesar as distintas estancias da vila romana. O programa expositivo artéllase a partir dos tres espazos máis relevantes do xacemento: o domus, o templo e a muralla. Ademais, incluirá diverso material divulgativo que contextualice e interprete o xacemento na súa época, e dentro da cidade romana de Lucus Augusti.

A comezos deste mes o Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio entre a Consellaría de Cultura e Deporte, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lugo para financiar a última fase da actuación de conservación e musealización dos restos da vila romana de Mitreo, localizados na construción da nova Vicerreitoría. Cultura achegará 660.000 euros e a Universidade 90.000 para rematar esta intervención.

O diñeiro achegado por Cultura para esta última fase permitirá dotar o xacemento dunhas instalacións de climatización e acondicionamento higrométrico, así como resolver cuestións de acabados e accesibilidade. Tamén servirá para finalizar os traballos xa iniciados de consolidación e posta en valor dos restos arqueolóxicos. A achega da Universidade empregarase en varias adaptacións do edificio cultural da Vicerreitoría.

Con este novo convenio, o investimento total na actuación elévase a 3,3 millóns de euros, dos que Cultura achegou 1.660.000 euros, a Universidade 1.070.000 e o Concello 570.000.

15/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión