Peche da Mostra "Galicia pola radio"

Redacción

Máis de 12.000 visitantes e centos de estudantes de toda Galicia pasaron ao longo do último mes e medio pola exposición Galicia pola radio. A historia falada. A mostra, que acolleu a Fundación Caixa Galicia de Santiago, pechará as súas portas o domingo, sendo este o último fin de semana para poder gozar da maior colección de obxectos relacionados con este medio en Galicia.

A mostra serviu de colofón a unha serie de actos organizados pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega, e co patrocinio da Fundación Caixa Galicia, que serviron para celebrar os 75 anos de radio na nosa Comunidade Autónoma.

Moitas das persoas que asinaron no libro de visitas da exposición, aseguraron sentir unha “gran nostalxia ao recordar moitos dos acontecementos recentes da historia de Galicia a través dun medio de comunicación que marcou as nosas vidas”. Quizais por iso un dos cualificativos que máis se repite á hora de describir a mostra é o de “emocionante” aínda que seguido moi de preto polo de “didáctica”, en clara referencia ao carácter educativo da mesma.

Dende un principio esta exposición se concibiu como un recordo do que foi a radio en Galicia, pero tamén como unha forma de achegarlle este medio de comunicación ás xeracións máis novas e menos familiarizadas coa radiodifusión. De aí que numerosos colexios, institutos e mesmo alumnos de formación profesional e estudantes de comunicación organizasen visitas á mostra que foron aproveitadas para dar a coñecer aos máis novos como se traballa na radio.

Para iso dúas monitoras dirixiron uns obradoiros de radio en vivo nos que os mozos se converteron por unhas horas en xornalistas amateur e comprobaron a maxia dun medio ao que, de seguro, lle quedan moito máis que outros 75 anos de vida.

Ademais da orixinal ambientación dos diferentes espazos grazas ás grandes láminas que cubriron as paredes con fotos, textos e un orixinal deseño gráfico, a mostra incluíu numerosas vitrinas con obxectos relacionados coa radio. Un dos máis admirados foi o micrófono empregado por Franco durante a Guerra Civil polo que se transmitiu o fin da contenda en 1939, aínda que tamén tivo unha gran acollida a fonopostal gravada en Bos Aires en 1941 por Castelao co gallo da estrea d´Os vellos non deben de namorarse en Montevideo e cuxo contido se atopa entre os arquivos sonoros da mostra.

Esta foi outra das seccións mellor valoradas polos visitantes. Os máis de 140 documentos sonoros nos que se podían escoitar dende cuñas publicitarias ata indicativos radiofónicos pasando por rememoracións da chegada da radio aos fogares galegos e retransmisións históricas, como as do Prestige ou a visita do Papa Xoan Paulo II en 1989.

Pero ademais do percorrido sonoro, a exposición fixo un interesante repaso fotográfico a través de imaxes das primeiras emisoras e do traballo dos seus profesionais e de instantáneas privadas onde se aprecia a importancia que chegou a ter a radio na vida diaria da sociedade galega. É o caso da fotografía de Virxilio Viéitez na que unha veciña de Soutelo de Montes posa cunha radio mercada cos cartos enviados polo seu fillo, emigrado en Venezuela.

Unha radio igual a aquela formaba parte da ampla exposición de aparatos de todas as épocas, dende as primeiras radios de galena dos anos vinte ata modelos dos oitenta pasando polas radios de capela, os primeiros minitransistores dos anos 60 ou algúns dos escasísimos receptores que se fabricaron en Galicia e aínda se conservan.

Esta mostra forma parte dun completo programa que comezou o pasado mes de novembro cun congreso celebrado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago no que participaron numerosos profesionais da radio en Galicia e que foi clausurado polo xornalista radiofónico Luis del Olmo cunha conferencia multitudinaria na aula sociocultural da Fundación Caixa Galicia. Para completar o repaso á historia radiofónica da nosa Comunidade, o pasado mes de marzo se inauguraba esta exposición coa que se deu a coñecer a orixe e o desenvolvemento da radio en Galicia dende os anos 30 ata a actualidade a través de numeroso material técnico, sonoro, escrito e fotográfico.

18/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión