Peregrino de Angkor

Bruno Marcos

Cando se viaxa a Istambul por vez primeira a un sorpréndelle atopar en todas partes fotografías de dous personaxes dos que, até o momento, non tivera noticia algunha. Un deles é Kemal Atatürk, o pai da patria turca, da moderna Turquía, que, con afiada mirada azul, custodia todos os lugares; o outro, un tipo moi peculiar que aparece nos seus retratos como un europeo non moi alto de comezos do século XX. Este último é un tal Pierre Loti e preséntase sempre pintoresco, unhas veces disfrazado de otomán, de Tutankhamon ou de Osiris e outras fumando, asistido polo seu criado Chukry, un narguile e unha desas cachimbas nas que o fume do tabaco que queima unha faísca mestúrase cos vapores da auga que hai abaixo nun depósito de vidro.

Loti ten sempre a mirada fixa cara ao home da cámara, unha mirada rasa sobre a súa propia face, sobre uns mostachos ben grosos e simétricos e un nariz prominente, ancho e cómico. Hai algo nel de pallaso, de pallaso triste ao Buster Keaton. Foi un viaxeiro impenitente e un escritor algo saudoso. No seu tempo houbo de ser moi famoso e até académico, un francés que, como pertencente ao exército, andou por todo o mundo compondo libros de viaxes que marcaron a paradigma do que serían os de estilo decadente e romántico.

Ao estambulita o que máis lle gusta de Pierre Loti é o seu café. Un local no alto do Corno de ouro desde onde se divisa o Bósforo e a cidade máxica e que lle serviu ao autor de lugar de contemplación e inspiración durante as tempadas que pasou naquela cidade. O estambulita sobe ao Café Pierre Loti a tomarse un té de mazá e, logo, baixa paseando polo enorme cemiterio de Eyüp que non é como os de aquí, tristes e tráxicos, senón un parque moi agradable con laxas antigas e modernas que se apilan como un bosque baixo epigráfico que se derrama, ladeira abaixo, até a urbe.

Pierre Loti deixounos o relato da súa viaxe a un dos sitios máis fermosos e enigmáticos do planeta, Angkor, unha antiga cidade fascinante que o foi do imperio Jemer entre os séculos IX e XV da nosa era e que Henry Mahout descubriu para occidente en 1860, nas selvas de Siam.

Desde o comezo do libro Loti fálanos dun lugar ao que desexaba ir desde neno, cando descubriu, no petate que o exército enviou coas cousas do seu irmán falecido en Saigón, unha revista con imaxes do mítico lugar.

O viaxeiro que é Pierre Loti maniféstase fatigado antes de partir, cheo de pesadume polo colosal do mundo, polo incesante labor da vida en toda latitude. é a súa mirada, a diferenza da dos viaxeiros entusiastas, unha mirada pesimista, unha mirada que atopa o que está a piques de morrer, as pegadas do pasado acabado por todas as partes.

Loti visita Angkor en 1901, durante un permiso que se lle concede para abandonar o acoirazado no que serve ao exército. Emprende a viaxe cara á cidade abandonada nun pequeno barco de vapor ao contraxeito do río Mekong até alcanzar, augas arriba, Cambodia e, tras abandonar a Conchinchina, penetrar en Siam.

Cóntanos polo camiño como cambia o tipo humano, como pasa de contemplar aos Annamitas de torso espida cor azafrán e dentes laqueados de negro a observar o tipo indio de ollos redondos. A humidade, a vexetación desbordante fanlle percibir todo aquilo como algo mórbido, como un exceso de enerxía natural. Describe a espesa calor como “o vapor dalgunha caldeira onde ferven perfumes e podremias”. As cidades coloniais “cheiran a almizcle e a opio”. A fatiga do clima, as minúsculas vidas dos seres humanos que viven e choian pola beira do Mekong, non lle fan senón ver o absurdo do colonialismo francés e das mortes dos raparigos despregados en semellantes confíns. Non está exento nin o propio colonialismo da súa saudade, as xa entón avellentadas avenidas construídas polos franceses en Phom Phenh vense invadidas de malas herbas e deshabitadas.

Cando deixa o sampán continúa por terra en carros de bois até atopar as magníficas ruínas. Admite Pierre que a chegada a Angkor chégalle moi tarde xa na vida, cando xa ten visto e vivido demasiado como para sentirse tan conmovido como agardaba. No momento en que, desde unha zona pantanosa alagada de herbas e nenúfares, divisa as primeiras torres de Angkor descríbenolas como “prodixiosas torres mortas” e con esa personificación traslada nidiamente a sensación, porque as pedras nunca estiveron vivas pero entón, deshabitadas, asumen os atributos da morte coma se elas mesmas o estivesen. Ao entrar na primeira estancia descríbea como “unha taciturna soidade cercada”. O aroma dos xasmíns silvestres, os monstros totalmente barbados de liquen, as serpes de pedra con sete cabezas, vaino describindo todo cun ritmo tal que o lector ten a mesma sensación de saturación sensorial que o propio Pierre Loti tivo que experimentar.

Dormen nun edificio sen paredes que, elevado sobre o chan, tan só ofrece unhas esteiras espidas ao seu cansazo. Aí espértase coas salmodias dos bonzos custodios de Angkor Vat, o templo que antecede á cidade.

As figueiras da India creceron entre os sillares do pavimento e rubido sinuosamente pola arquitectura até capturar á cidade morta cos lazos da selva orixinaria. Loti prosegue a súa melancólica prospección, a súa ultratúmbica expedición, penétrase nos longos corredores infestados de morcegos xigantes, vampiros reais que poboan a ruína para durmir á sombra, cabeza abaixo, os días sufocantes envolvidos nas súas ás de raso negro.

Cóntanos, cunha ironía feble, a posible teoría de que a Shiva, o destrutor, debéseselle adxudicar a creación da figueira das ruínas, porque é ela a que se enseñorea desas construcións humanas que tentaron deter a danza cósmica por algún tempo.

De súpeto anoitece, e anota no seu diario, que o guía camboiano aconsella irse antes da hora do tigre, cos monos que camiñan polos corredores da cidade tamén para recollerse, pero, xusto antes de deixar a ciclópea ruína, as enormes caras riseiras nos lenzos do muro devólvenlle unha sobrecolledora angustia. Trátase de torres como as das estupas budistas, cun tramo cúbico con catro dos seus lados orientados aos puntos cardinais, mais en lugar duns ollos pintados como naquelas estas presentan enormes rostros entallados que, coas pálpebras baixadas, sorrín a través dos tempos.

Acariña o viaxeiro os incontables relevos de fatos de guerreiros, de incontables deuses e alí atopa un paradoxo que escribe de paso, sen case decatarse do seu fondísimo poder tráxico, aquela que me deixase máis consternado de cantas cousas lin no seu libro, a dos deuses cadáveres. Fíxase nun deles, xa no santuario, no Sanctasanctórum, o lugar máis sacro de todo Angkor, mentres fose do templo desencadéase unha tormenta que adianta a noite. O baixorrelevo, cos pés rotos e os beizos erosionados, suxéitase medio tombado para non caer aínda mentres, por unha greta no seu peito, mana auga de choiva.

Sen dúbida a mirada de Pierre Loti é filla do tempo que deixaba atrás, unha época na que aínda se respiraba a nostalxia do espírito e na que, aínda, os seus vestixios podían ser rastrexados. Pero tamén está na perspectiva dun horizonte do cal se desvanece a metafísica e toda pegada da existencia é melancólica.

Pierre Loti.
Peregrino de Angkor; seguido de fragmentos del diario íntimo (1901).
Baleares: José J. de Olañeta,
168 pp.

16/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión