Vilalba dos soños

Xulio Xiz

Entérome que lle chaman “Parque dos soños” ó xardín inmediato ó centro de saúde de Vilalba, onde celebran o Día do Medio Ambiente os nenos da escola infantil. E así sei que xa temos os vilalbeses dous lugares para soñar, porque “Paseo dos Soños” tamén se chama, aínda que como o anterior sen denominación oficial aínda, o que vai paralelo ó río desde o Muiño do Rañego hacia a Madalena, onde anualmente se coloca un pedroulo en homenaxe a un facedor de soños, a un escritor destacado, tendo xa alí a súa pedra Manuel María, Paco Martín e Agustín Fernández Paz.

Un soño tamén lles parece ós autocaravanistas a iniciativa do concello vilalbés de habilitar un aparcamento especial para os que viven o turismo dun xeito especial, levando ás costas a casa, e máis dun cento se xuntaron para estrear este aparcamento no campo da feira, agardando que o exemplo prolifere e moitas outras cidades e pobos tomen similares iniciativas, que neste momento na provincia existen xa –ademáis de en Vilalba- en Monforte, Chantada, A Pontenova, Burela e Lugo.

En soños, malos soños, parece que andan os socialistas vilalbeses onde hai división alomenos en dúas partes, cun sector de dirixentes e un sector crítico, distanciados na forma aínda que cabe supoñer que no fondo a ideoloxía é a mesma. Hai diferencias que parecen graves, agudizadas polos resultados das eleccións do primeiro de marzo. De todos os xeitos non son tan importantes como as reflectidas en Vigo con motivo da elección de representantes para o próximo Congreso onde se elixirá os rectores da agrupación a nivel autonómico. En Vilalba as diferencias poden ser importantes, pero en Vigo houbo máis ca palabras.

E indo ó práctico, xa fóra de soños, é boa a nova que nos proporciona a Consellería de Política Territorial de selar taludes na autovía Ferrol-Vilalba para atallar os danos causados nas augas do Eume e nos seus afluentes.

Últimamente, os habitantes da provincia de Lugo, cando oímos falar de taludes é para botarse a tremer. Porque os taludes son precisamente os causantes de problemas importantes na circulación na autovía entre Lugo e Madrid, por corrementos que causaron derrumbes e impiden o paso normal de vehículos.

O certo é que na provincia de León, un derrubamento nun talude cortou a circulación tendo que desviar o tráfico a vías inmediatas, con moita menos capacidade, conseguintes retrasos e maior inseguridade. E un par de semanas despois, preto de Becerreá, problema parecido porque cando se fixo a obra non se consolidaron abondo as ladeiras, e os cortes efectuados foron importantes abondo como para impresionar as feridas na terra, que agora supuran en forma de corrementos imposibles de controlar e, polo que se ve, difíciles de prever.

Neste caso fálasenos de que estas obras de selado de taludes impedirán que sexan contaminadas as augas dos ríos Eume e Trimaz, que se ven afectados polas escorrentías que proceden das obras da autovía que de Ferrol, polas Pontes, ven ata Vilalba. As augas non sei se baixan turbias pero fálase de Acidez, de Ph, en índices moi superiores ós normais. E ben sabemos o que unha acidez de estómago pode causar ós humanos. Deixemos en paz ó Eume e ó Trimaz.

Esto das obras parece cousa de nunca acabar, pero moito do noso nivel de vida está marcado pola actividade constructora. Cando a construcción está ben, parece que todo está indo bastante ben, e as comunicacións son vitais para que o país non se pare.

Ó mellor, volvendo ó principio, estas afirmacións son só un soño. E de soños non se vive. Pero soño non deben ser cando estas obras costan tres millóns de euros e a min sempre se me dixo que soñar, o que é soñar, non costa nada.

Imaxe: MXM

04/04/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión