A voltas co tío Carlos

Por César Reis
Un día como o de hoxe, primeiro de maio, resulta o máis apropiado para traer a colación este asunto.

Non sei se alguén se lembra a estas alturas, pero hai uns meses, a conta da refundación do capitalismo, preguntabámonos por que a ninguén se lle ocorreu, no seu día, refundar o marxismo que, como ideoloxía, gústenos ou non, resulta polo menos un pouco máis atractiva. Sen dúbida non fomos os únicos en expor semellante cuestión. Mesmo hai quen pasou da mera especulación aos feitos consumados. Velaí dous exemplos para o que queira lelos.

O primeiro deles acaeceu, precisamente, na cidade na que está enterrado Marx, Londres. Ocorreu durante un fin de semana de mediados de marzo. Do venres 13 ao domingo 15, xuntáronse alí, na Birkbeck University, os máis prestixiosos nomes da filosofía política radical mundial. O fin de tal reunión non era outro que reflexionar, como non podía ser doutro xeito, ao redor da idea de repensar de novo o marxismo. Entre os conferenciantes estaban Alain Badiou, Toni Negri, Michael Hardt, Jacques Rancière ou o esloveno Slavoj Zizek, presentado polo Financial Times case como unha “verdadeira rock star marxista”, en palabras de Aude Lancelin en Le nouvel Observateur. Dúas condicións imprescindibles determinaban a presenza de todos eles: estar disposto a contemplar positivamente unha renovación da hipótese comunista hoxe día e non ser portavoz de ningunha formación política. O obxectivo común non impediu, segundo se puido ler na prensa deses días, a disparidade, e aínda confrontación, de opinións. As conclusións non foron, en calquera caso, demasiado triunfalistas.

O segundo caso tivo lugar en China, onde se anda a xestar, polo Centro de Arte Dramático Xangai, unha adaptación ao xénero musical de "O Capital" de Karl Marx e que esperan presentar en público o ano próximo. O fío argumental sería a historia dun grupo de oficinistas explotados que, a golpe de números musicais, canta contra o capitalismo, a desigual repartición de riquezas e as penurias da clase obreira. Todo isto, que non é coña, contará, ademais, co asesoramento do profesor de Economía Zhang Jun, da Universidade de Fudan, o que lle concede ao asunto esa pátina intelectual necesaria que, con todo, non lle impedirá chegar ao grande público. Segundo declarou aos medios Yang Shaolin, director do citado Centro, a obra achegarase máis a un espectáculo comercial tipo Broadway ou Las Vegas que á típica produción da Revolución Cultural.

En fin, aínda que é probable que a crise actual sexa o detonante de reunións como a primeira, non debemos caer facilmente na autocompracencia de pensar que o mundo ten fame de intelectualidade. O segundo caso citado demóstranos que as vellas certidumes (incluído o marxismo) están condenadas hoxe en día a soportar esa visión frívola, distanciada e posmoderna. Probablemente tampouco haxa nada de malo niso. Pode ser visto como un moderno signo de madurez. Ou non. O único certo é que semella unha necesidade o feito de que todo se pase pola túrmix que favorece o cínico recurso da facilidade, a trampa da trivialidade, o espectáculo, o refrito, a recreación, o plaxio, a parodia, o comercial… Mesmo en época de crise, o mercado continúa presentándose hoxe como a única referencia do real. Resignémonos, é o tempo que nos tocou.

Hai en relato de Woody Allen incluído en Pura anarquía no que un aproveitado produtor de musicais planea un espectáculo inspirado na Viena de finais do XIX e principios do XX, protagonizado Gustav Klimt, Egon Schiele, Stefan Zweig e Oskar Kokoschka, entre outros. O que alí é sen dúbida unha parodia cobrou, en Pequín, tinguiduras de absurda e surrealista realidade. Non sei se un dos temas incluídos nese musical chinés será “A Internacional”, himno que, ideoloxías aparte, é, xunto coa “Marsellesa”, case o único que provoca unha emoción e vibración interior sen comparanza con ningún outro. Só me pregunto, de ser así, que pensarían hoxe diso o poeta Eugène Pottier ou o obreiro de orixe belga Pierre Degeyter, autores, respectivamente, da súa letra e a súa música.

Imaxe: MXM

cesar.reis.alveiros@gmail.com

Aquí lles deixo, para o seu goce, a versión de "A Internacional" que sae na fermosa película Reds, de Warren Beaty.

01/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión