Arrogancia


Antón Baamonde

Agora que o bipartito pasou, e que todo o mundo expresa en voz alta as queixas, é moi frecuente escoitar que moitos entre os que foron altos cargos pecaron de soberbia. Como daban por sentado que durarían moito nas súas cadeiras non supoñían que fose necesario practicar a virtude da humildade. Calquera que escoitara a Núñez Feijóo na Praza do Obradoiro o día da súa toma de posesión sabe que:

a) Evitou todo luxo. Ao parecer o seu custe foron doce mil euros.
b) Suliñou o cambio xeracional. O “comezamos”, que pretende evitar a ligazón simbólica coa era Fraga, a idea da continuidade.
c) Insistiu na “humildade”.

Que a “humildade” sexa un valor tan grande parece indicar que os seus asesores percibiron que o bipartito pecou de arrogancia e vaidade. Ata que punto foi así?. Dende logo, cómpre notar que o BNG sempre pecou de certa vaidade moral, de presumirse -sen aparente constatación empírica- distintos e mellores. É un pecado característico do sectarismo de esquerdas e de dereitas.

O PSdeG -pola súa parte- parece ter nacido para gobernar. Moitos entre eles tenden a ver ao BNG como unha anomalía, unha especie de inexplicable artefacto do que non se acaban de explicar nin como pode existir. Que supoñen, en definitiva, que o mundo non debería incluír algo así. É outra forma de sectarismo, propia do que se sinte maioritario e tende a desprezar á minoría.

Despois están, claro, as formas menores de arrogancia, tal vez as máis frecuentes: aquelas propias do que se ufana infantilmente por un cargo menor e as do que lle gusta mandar (a ser posible coa súa pinga de goce sádico co inferior e de posición de firmes ante o superior).

03/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión