Certames literarios


Xulio Xiz


Ando estes días metido en certames literarios, lendo traballos de rapaces sobre os temas máis diversos, nunha inmersión no mundo infantil que me leva a sensibilizarme coas historias que os rapaces contan do seu mundo familiar, escolar e social, das súas inquedanzas e ilusións, dos temas que os preocupan e do que agardan do mundo que ven.

Non rematara ben cos traballos do Certame literario do Concello de Paradela, cando entrei no dos seleccionados na Biblioteca provincial de Lugo, para pasar ós do certame Benxamín Paz do colexio Insua Bermúdez, e rematado este púxenme a ler os máis de oitocentos traballos do concurso da muralla romana de Lugo.

Que que preocupa ós nenos de hoxe?. Pois digamos que son propios do seu tempo, e entre o que perciben nas casas, o que escoitan pola rúa ós maiores e ós seus compañeiros e os temas que tratan no colexio podemos obter un conxunto de ideas que forman o sustrato inicial dos seus pensamentos.

Lin traballos de alumnos de primaria, de seis anos en diante, e aparece o amor e os xogos infantís, aparece a amizade e as xenreiras.. Como na vida mesma aparecen os animais e a natureza, a preocupación pola contaminación, a vida familiar, a violencia doméstica, a pantasma do paro e a crise económica. Por pequenos que sexan, os nenos veñen dicir aquelo do clásico de que “nada humano me é alleo”, e coas súas palabras están plenamente á altura das circunstancias coñecendo e opinando do mundo que os rodea e que algún día controlarán e gobernarán, agardemos que con algo máis de sentido común que os que agora coidamos controlar e gobernar cada quen na súa parcela.

O que está moi claro é que un neno escribe cando o axudan a escribir, cando hai un certame que provoca cos seus premios ou a súa chamada a destacar, pero sobre todo cando hai un profesor ou un grupo de profesores que impulsan a escrita.

Esta acción dun profesor pode orixinar, coas súas explicacións iniciais, que moitos traballos sigan a mesma liña conceptual, que sexan uns de tantos, pero de cando en cando – como na vida ocorre – aparece algo distinto, un enfoque diferente, unha forma orixinal de contemplar unha situación ou un problema, e xorde o que se pode chamar obra literaria.

Aí está o traballo dos profesores: provocar entre os seus alumnos a creación literaria para que todos se expresen con arreglo ó que o seu interior lles diga, e entresacar entre os sempre interesantes froitos aqueles chamados no futuro a destacar neste e noutros aspectos interesantes.

Porque se observamos nos medios audiovisuales nas enquisas pola rúa ou nas respostas de calquera persoa que fala de algo que veu ou escoitou, calquera campesino sudamericano se expresa con maior claridade, concisión e fermosura que moitos dos nosos universitarios, evidenciando que algo falla no noso sistema educativo se non somos capaces de contaxiar ós rapaces da importancia de saber expresarse de palabra ou por escrito como o mellor medio de contactar, relacionarnos e influir na xente que nos rodea.

Se xa eramos pobres na nosa capacidade expresiva, agora que se menosprecia a ortografía, que os exames orais desapareceron a favor dos modernos tests, agora existen eses novos xeitos de envío de mensaxes, os Sms, nos que as palabras se comprimen suprimíndose partes, as reglas ortográficas non se respectan, e as que pudiésemos chamar florituras da lingua desaparecen.

Un congreso de psicolingüística recentemente celebrado en Santiago ven de chamar a atención sobre este xeito de expresión, considerándoo impropio para os rapaces que aínda teñen sen consolidar o coñecemento, raciocinio e utilización axeitada do idioma.

E neso estamos, nun ermo lingüístico, nun mundo onde a palabra non se estudia nin se cuida, onde estudiamos cousas que se estiman de interese para o futuro pero despreciamos o idioma e a súa utilización oral e escrita, e así nos vai coa educación galega e hispana fondamente devaluada en termos absolutos e se a comparamos coa do resto dos paises do noso contorno.

Ou sexa, que estou plenamente convencido que os nenos teñen que escribir máis. E teñen que ler máis, e falar máis para aprender a expresarse, para aprender a ler con xeito, para aprender a escribir de maneira que con palabras poidan expresar claramente os seus sentementos. E os certames literarios son excelentes para este fin primordial que moitas veces ignoramos.

Por eso, benvidos os certames literarios e quen os promove. Noraboa ós colexios e ós profesores que fan escribir ós seus alumnos. E noraboa ós alumnos que teñen profesores que valoran a palabra. Como os do Colexio Insua Bermúdez. Como os dos colexios vilalbeses que provocaron que os seus alumnos participaran no Certame Benxamín Paz.

14/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión