Depende de nós


Iago Castro

Ultimamente parece que nado a contra-corrente pero, boh, é algo habitual, non si? Todos cantos me rodean prognostican a próxima morte da lingua galega ou, cando menos, unha fase agónica e pre-eutanásica da man dese homiño chamado Feijo09 e a súa banda de... conselleiros.

A min non me parece que tal cousa sexa posíbel. Por que? Pois moi doado: en primeiro lugar, porque nin a política educativa uniformizadora imposta desde meiado o século XIX nin a tiranía do anano de Ferrol conseguiron grande cousa, e o galego segue a ser a lingua maioritaria de Galiza. Segundo, porque se o maior retroceso social no uso do idioma se deu, curiosamente, nos anos que coinciden coa autonomía e, por tanto, cunta pretendida “titoría” gobernamental, eu case prefiro que deixen o galego en paz, e se adiquen a facer estradas, polígonos industriais ou o que quera que pretendan facer.

Ademais, que xa estabamos meio aborregados, recoiro! Que un goberno lexisle e meta cartos na defensa da lingua leva aparellada como consecuencia non desexada que a sociedade civil, outrora tan concienciada e combativa na salvagarda do que é tan noso, se volva tépeda e adocenada. E, se cadra, esta foi unha estratexia consciente na era Fraga para amortecer aquela vaga de autoafirmación que xermolou nos anos setenta e primeiros oitenta.

Pois iso; que só reaximos cando nos dan estopa! Asi que toca volver ás trincheiras da fala, adonarnos de novo do que nunca deixou de ser noso -a lingua galega é dos que a mantemos viva e vizosa, ollo con ese discurso de que “é de todos”- e seguir a facer país. Coidado, non impoñendo, senón convencendo. E desmentindo coa praxe cotiá aqueles tópicos tan absurdos como mentirosos: non todos os militantes da lingua somos bloqueiros. Se hai algunha cousa fortemente transversal na Galiza iso é o galego, lingua propia e consciente de persoas de dereita, de esquerda e aínda do Alén. Se Feijo09 se empeña en disparar contra unha parte importante da súa clientela habitual, peor para el. Algún día descubrirá como as estratexias suicidas acaban pasando factura.

Pois iso, mil primaveras máis... De nós depende, e de ninguén máis.

01/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión