Día das Letras en Galicia


Xaquín Núñez Sabarís

Nos últimos anos fomos contemplando o día das Letras Galegas como unha efeméride festiva que, a medida que minguaba no seu carácter reivindicativo, gañábao en inercia rutineira, conforme o galego ía gañando visibilidade na esfera pública. Mais, sorprendentemente, o último 17 de maio chegou repleto de fervor: manifestacións masivas, nomeamentos, declaracións e contradeclaracións configuraron un día e unhas vésperas do máis axitados. Que pena que o motivo non fosen as mil primaveras xa chegadas, senón os renovados receos que levaron a desempoar o espírito interpelante. 

Con todo, o máis salientable, sen dúbida, do que a actualidade nos deparou foi o esperado nomeamento do titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística que, como cabía intuír, concitou reaccións de todos os signos e para todos os gustos. Non obstante, coido que é unha boa noticia. Non coñezo persoalmente a Anxo Lorenzo e non teño grandes referencias del, mais si boas. Alén da súa interesante traxectoria académica, foi un dos impulsores do texto da Universidade de Vigo a prol dunha educación e sociedade verdadeiramente plurilingüe que predicaba un auténtico pulo para o galego. Por iso, se lle deixan traballar, ten o perfil profesional adecuado para seguir avanzando nos importantes pasos que se teñen dado na anterior lexislatura en materia de lingua. 

Claro que a actitude do actual executivo continúa a dar razóns para a dúbida e a preocupación. Preso dunhas equivocadas estratexias electorais parece decidido a optar por unha liña zigzagueante. E así, uns días sorpréndenos con noticias como a devandita ou con declaracións cara a un galeguismo decidido, outros insiste na derrogación do galego e rescata a idea da segregación no ensino, segundo a lingua de escolla. Isto último resulta especialmente preocupante, xa que na práctica consolidaría unha situación de fronteiras interiores endexamais vista (apartheid, non, por favor. Basta xa de victimismos). Pero se isto chega a prosperar, consideran realmente que é o afastamento das linguas o camiño para acadar o bilingüismo cordial? Garántese deste xeito a función de cohesión social que todo sistema educativo debe ter? Quero pensar que, senón o bo senso, polo menos a inviabilidade económica aborten estas iniciativas que só a un sector minoritario e escorado da sociedade galega satisfán. 

Para evitar, polo tanto, que a situación non continúe por derivas indesexables, cábenos entre todos remar na mesma dirección e abandonar actitudes nas que sexa máis forte a tentación de usar a lingua como unha ferramenta ideolóxica –calquera que sexa o seu signo- que de sumar vontades a prol do galego. Cómpre, en consecuencia, facilitar o camiño para que quen ten que liderar a política lingüística atope eses espazos de consenso e creatividade que anunciou. Porque a súa sorte, será, en definitiva, a de todos.

22 de maio de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión