A escola habanera dos Vilares


Xulio Xiz

As escolas habaneras en Galicia volven, de novo, á vida. Modestas ou señoriais, naceron en tempos nos que este país precisaba de educación tanto como de comer, e como Galicia non estaba preparada nin tiña medios abondos os remedios tiñan que vir de fóra.

Os galegos emigrados comprenderon moi axiña as virtudes da educación que eles non recibiran, e desde os lonxanos lugares de traballo e residencia crearon sociedades que fundaron escolas e trouxeron a cultura para esta terra atrasada.

Hai excelentes exemplos, pero quizais sexa a da Liga Santaballesa pola súa cercanía a Vilalba, inmediatez á estrada e magnífica construcción un dos mellores exemplos de escolas impulsadas por indianos, galegos en terra de Indias, que supliron a acción impulsora dos poderes públicos e trouxeron a instrucción a Galicia.

Segundo Pérez López, galego do Buriz e Direitor do Instituto Teolóxico Compostelán, publica a historia da “Escola habanera dos Vilares (Guitiriz)”, que personifica ou reflicte ducias de historias doutros lugares que se viron beneficiados por esta destacada iniciativa cultural.

Nos Vilares de Parga, que así se chamou tradicionalmente esta parroquia, naceu Xosé María Díaz Castro, o gran poeta chairego, e nela ten monumento en pedra á beira da estrada.

O libro de Segundo Pérez é unha crónica vital dunha escola e dun pobo, do esforzo da súa creación, da colaboración popular, dos nenos que alí se formaron, do esforzo dos que desde fóra afrontaron a idea, o impulso e a realización. E aparecen nomes de xentes para min moi coñecidas. Aparecen nomes de mestres como Jovita López Veres, que na actualidade reside na capital lucense e é unha excelente pintora; Flora Veiga Aldariz, que logo foi inspectora de Educación e Delegada Provincial deste Ministerio en Lugo; esto, polo que se refire á parroquia, e xa na escola destaca o nome e personalidade do mestre Andrés Pérez Carballeira, que aínda algo me toca na familia por consorte, que é todo unha lenda na educación no concello de Guitiriz, e tiña nas súas clases arredor de cen alumnos, cifra que na actualidade precisaría de catro profesores para ser atendida.

Aparecen nomes, datas e feitos que un coidaba esquecidos e resulta unha marabilla que se gardase deles memoria e se incorporen á pequena historia da parroquia e á gran historia da educación de Galicia, para que ninguén esqueza o tremendo esforzo que supuxo para o noso país e as nosas xentes acadar unha mínima formación en tempos moi difíciles. E aparecen donativos, pedra, madeira, acarreos, prestacións persoais hoxe en día imposibles, e daquela a mellor maneira de participación popular nunha iniciativa que era de todos e para todos aínda que tivera que nacer a dez mil kilómetros de distancia.

Este libro é unha xoia aínda para o que non coñeza Os Vilares. Porque lle da carta de natureza a unha parroquia, colócaa no mundo e na historia, fai xustiza a moita xente, e ábrenos os ollos a todos hacia un tempo e uns feitos que normalmente son descoñecidos.

Para os que coma min temos pasado incontables veces polos Vilares, case sempre de paso, temos alí familiares e xente coñecida, constitúe unha referencia especial. É asomarnos a unha fiestra que sempre estivo aberta pero que nunca reparamos nela. É explicarnos que uns muros mal conservados teñen detrás de sí unha gran historia de feitos e esforzos, que unha terra non é máis que a suma das vidas das xentes que moraron nela. Neste caso, Segundo Pérez López, que tamén me toca cerca por vencellos familiares, cun libro local, sobre unha escola rural, consegue todo un tratado de vida dunhas xentes humildes que foron moi grandes sen pretendelo e sen sabelo, que fixeron historia cando pensaban que só estaban vivindo, que viviron como heroes nun tempo escuro e difícil no que saber ler era a maior meta, e a vida diaria unha loita continua pola existencia.

Como adoita ocurrir nestes casos, Segundo Pérez López, cun tema aparentemente menor, local, trascende e faise universal convertindo en grande epopea a historia dunha Escola habanera nos Vilares de Parga.

Pérez López, Segundo
A escola habanera dos Vilares (Guitiriz)
Santiago de Compostela, 2008
213 páxinas

05/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión