Facturas indefectibles

Antón Baamonde

A manifestación do pasado 17 de maio foi unha demostración de forza. A pesar de que os principais medios de comunicación intentaron rebaixar as cifras de participación, o certo é que foi unha das máis numerosas que se teña congregado en Santiago, non moi por debaixo da do Prestige. A cifra de 20.000 asistentes, dada pola Policía, está por debaixo da realidade, agás que inventemos outro xeito de contar. Sería ridículo, por outra banda, rebaixar o evento ao nivel dunha liorta política: a diversidade dos asistentes evidencia, máis ben, que certas actitudes pincharon en óso. O que a manifestación amosou é que hai unha Galicia cívica, que sabe que pode poñer e quitar gobernos, e á que lle importa a sorte do idioma galego. É unha Galicia que considera que a idea da imposición lingüística é unha mentira e que as apelacións á liberdade lingüística son outra versión do liberalismo económico coa súa desprotección aos máis débiles.

Unha mentira que lle ven ao pelo ao desexo dunha parte das clases medias recentes -a burguesía de sempre non é así- de prescindir do galego porque non queren velo nin en pintura (a saber que lles fixo). A esa actitude dálle alas a ofensiva do neo-nacionalismo español impulsada dende as diversas fábricas de crear dereitas: de El Mundo a Intereconomía, pasando por unha parte da prensa local. Dito isto, cales son os seguintes pasos?. O meu amigo Anxo Quintela chamoume a atención para unhas declaracións de Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, augurando que o goberno do PP pode marcar un fito para a lingua galega. Tal vez iso indique un pacto polo que o PP e a súa galaxia tenderían a desactivar a GB e compañía para instaurar un novo consenso. Parece moi probable, en efecto, que Núñez Feijóo considere que, unha vez no goberno, non convén afillar unha fractura social que, noutro caso, terá lugar e lle pasará factura indefectiblemente.

23/05/2009

2 comentários :

  • A conciencia colectiva de Galiza, voltou outra vez máis a demostrar que somos nazón, e fumos defender o Idioma, a Nosa Fala, o ver como nos queren facer "comulgar con rodas de muiño" que só existen na mente suicida de aqueles que detentan o poder, e nos queren voltar sumisos unha vez máis, desta volta renegando da Fala que mamamos dende pequenos, e que ainda lembramos como na época Franquista, eramos subyugados có Idioma do Imperio, por mestres ben adestrados na "moralidade" da época, e semella que voltan có impetu.A ninguén se lle pode ocorrer a estas alturas que dende a UE, se propoña a regularización do Idioma de calqueira Estado membro, artellando medidas para "segregar" aos cidadáns en función da súa fala ou costumes.
    A evidente resposta dos afectados o día 17 en Compostela, xa tivo respostas en positio ante a avalancha humana que ateigou a Nosa Capital, na defensa dun ben tan prezado como é expresarse en Galego, non señas pailán.

    FENDETESTAS

    17:42 do 26 de maio de 2009

  • Anton, um sente-se agora muito orgulhoso de dizer que foi aluno teu, embora aquele tempo nom for aproveitado tanto como agora gostaria.
    Nom deixemos que nos roubem o que é de todos (incluso deles, embora nom o queiram como próprio).
    Saúde e graças polo posicionamento claro fronte a imposiçom da falácia (e a falácia da imposiçom).

    17:46 do 12 de xuño de 2009

Danos a túa opinión