Fogheteiros

Iago Castro

O vindeiro domingo, o Racing Clube Vilalbés pode proclamarse campión da liga de categoría rexional preferente e lograr, así, o ascenso á terceira división. Non gosto especialmente do fútbol, pero felicito aos bravos verdivermellos –aínda que nin sequera sei se seguen a xogar con esta camisola-, máis aínda cando, segundo parece, a xesta se debe en boa medida a rapaces da canteira. Parabéns tamén para os amigos racinguistas de pro, especialmente o Sesé e o Manolo Roca, e tamén para Xavier, o “presi” ou, debería dicir, o “ex-presi”, que sen dúbida terá moito que ver neste éxito.

Parabéns tamén para os xogadores do Santaballés, que lograron hai poucos días o ascenso a preferente logo dunha magnífica tempada. A mágoa é que, polo menos a vindeira campaña, non haberá un “derbi” local, que non sería a primeira vez.

Mais non se preocupen, amábeis lectores. Non vou falar de fútbol, senón de foguetes. Si, de foguetes. O conto é pór a venda diante da ferida, explícome: Isto é máis ben un chamamento a algúns destacados seareiros racinguistas. Seareiros que, digámolo claro, coincide que tamén o son de certo partido político. O caso é que, despois da vitória deste partido nunhas recentes eleccións, estes seareiros, ou hoolingans, ou directamente gamberros –chamemos ás cousas polo seu nome- non tiveron outra ocorrencia que “amenizar” toda a santa noite electoral dos vilalbeses con incontábeis bombas de palenque. Foron moitos os veciños certamente cabreados, sobretodo aqueles que tiñan que traballar ao día seguinte e que, compartiran ou non a alegría polo trunfo electoral, precisaban dun descanso ao que, por outra banda, teñen bastante máis dereito ca aqueles gamberros que dicimos a perturbalo.

Así pois, apelo a esta pequena minoría de seareiros, hooligans ou como queiran chamalos, para que celebren a máis que previsible vitória do Racing até caír de cu, se lles apetece e lles aguanta o corpo, que parece que si. Pero, por favor, deixen durmir ao común da xente que un domingo pola noite non está para moitas festas. Que os báquicos efluvios habituais non lles alteren o entendemento máis alá do respecto que lles deben merecer o resto dos viciños e, todo hai que dicilio, a inmensa maioría dos bos racinguistas. Para que me entendan: en democracia a liberdade dun remata onde empeza a tocarlles os fuciños aos demais.

Apelo tamén –deusbendito, nunca pensei que podería dicir isto- ás forzas de orde pública para que manteñan, precisamente, esta orde pública, que para iso son forzas. A conto de que, señores, calquera mamarracho pode disparar foguetes toda a santa noite sen que vostedes interveñan, como é a súa obriga? É que acaso non ousan segundo con quen sexa?

Pois iso. Que teñamos a festa en paz.

15/05/2009

5 comentários :

  • PODEMOS INSTAR TAMEN A TODOLOS VECIÑOS DAS PARROQUIAS A QUE O DIA DO PATRON TAMPOUCO OS TIREN, A QUE SE QUITEN OS ALTOFALANTES DA CAPELA DE GUADALUPE, AS CAMPAS DAS IGREXAS, AS ALARMAS DOS COMERCIOS E DOS COCHES QUE, GRAZAS A DEUS, SO SALTAN CANDO SE AVERIAN E, POSTOS A FALAR DE RUIDOS MOLESTOS, DETRAIS DA MIÑA CASA HAI TRES CANS QUE, CANDO PASA UNHA CADELIÑA GUAPA, NON PARAN DE LLE LADRAR, SEXAN AS DUAS OU AS SETE DA MAÑÁ. "UN POQUITO DE POR FAVOR...". NON CREO QUE HAXA QUE SACAR AS COUSAS DE QUICIO POSTO QUE, POR DESGRACIA, AS VECES QUE NESTOS TEMPOS DE CRISE CELEBRAMOS ALGO SON MINIMAS E, AINDA QUE SEXAMOS MINORIAS, NON CREO QUE A MOLESTIA SEXA TANTA. POR CERTO, OS QUE VENDEN FOGUETES TAMEN O AGRADECEN.

    23:35 do 15 de maio de 2009

  • O anónimo anterior: pois si, claro que hai que quitar os altofalantes da capilla de Guadalupe. O cura impoñendo as letanías a todo o mundo, en 2009 é retrógrado, insolidario e irrespetuoso. Para os foguetes das festas, que eu sepa pídese permiso, e si hai dous cas que che impiden o descanso, falas co propietario. Hai unha lei contra os ruídos, e hai pouco tempo un empresario de hostelería foi condenado a prisión a causa disto. O dereito ó descanso é fundamental, xa chega de xustificar barabaridades para que uns poucos poidan "divertirse" á súa maneira a costa dos demais. Vivo na rúa de Guitiriz, á movida do venres e o sábado añádelle os foguetes do día das eleccións, e imaxina como estaba eu o lunes ás sete da mañá no traballo. Estou totalmente de acordo co que di o artigo, é unha gamberrada.

    Unha traballadora

    10:22 do 16 de maio de 2009

  • Estou completamente dacordo co autor. Coñezo moitos vilalbeses, tamén de dereitas, que criticaron duramente a conduta deses poucos que o día das eleccións non celebraban nada, senón que restregaban polos fuciños dos demais, nunha atitude francamente antidemocrática, o seu particular onanismo. O PP gañou máis eleccións, e nunca armaron unha semellante: tiraban tantos foguetes como escanos acadaban (nas autonómicas), a unha hora prudente, e listo. Creo que ninguén protestou nunca, pero o do día 1 de marzo foi, certante, propio de gamberros. Alédame que algúen erga unha voz para denuncialo.

    Respecto ao anónimo #1, dígoche, por se non o sabes, que escribir en maiúsculas en internet é equivalente a berrar, e considérase unha falta de respecto aos demais. Pero non me estrana, ao ver o ton do teu comentario. Claro que habería que sacar os altofalantes da Capela de Guadalupe. Hai que esixir das autoridades relixiosas o mesmo respecto que eles esixen da sociedade cara as súas manifestacións de fe.

    10:32 do 16 de maio de 2009

  • Concordo totalmente co anónimo anterior, non é que celebraran nada, (xa están afeitos a gañar), o que querian era amolar aos que non están na súa onda.
    A ctitude cós foguetes, é indicativo do talante asoballante da dereita vilalbesa, máis non queda a cousa só nos foguetes, sabémolo ben os vilalbeses que levamos "sin cambio de Réxime" dende que gañou a Guerra cruenta o malpocado Franco.Choca esta actitude có seu pensamento católico, que induce a ser humilde e amar ao próximo como a sí mesmo.Estes só se aman a sí mesmos.
    Son como a directiva eclesiástica e foros pro-abortistas e antilingúistícos favorabeis ó dominio do castelán sobre o Galego.
    Mañá estaremos en Compostela dándolles exemplo de defensa da maior riqueza cultural que ten un povo : A Lingüa.

    FENDETESTAS

    11:49 do 16 de maio de 2009

  • Alguien tenía que decirlo, coño. Lo del dia de las elecciones fue una gamberrada.

    Yo también trabajaba al día siguiente, como la inmensa mayoría, y me tocó mucho las pelotas que estuviesen disparando bombas toda la santa noche. Siempre he apoyado al PP, pero el 1 de marzo me amargaron la felicidad por el triunfo de mis ideas con este comportamiento infantil.

    Y pregunto ¿que van a hacer los señores García Leira y Baamonde Díaz con ciertos talibanes que están dejando el partido a la altura del betún? ¿No se dan cuenta de que están alejando a mucha gente? Yo no voté en las municipales, y no pienso hacerlo en las próximas si repiten cartel. Pero a lo mejor esta vez no me quedo en casa y doy mi apoyo a algún candidato de la oposición.

    No comparto en general las opiniones de este comentarista, que es claramente de izquierdas como casi todos en este periódico poco plural, pero esta vez las suscribo al 100%.

    ¡Y aúpa Racing! Aunque esté en manos de quien está. Si el viejo Roca levantara la cabeza...

    UN VILLALBÉS

    12:15 do 16 de maio de 2009

Danos a túa opinión