Fútbol, arte e cintas de vídeo

Por César Reis
Non podo deixar de amosar a miña solidariedade con Julián Reyes, ese directivo de Televisión Española que foi destituído logo da retransmisión da final da Copa do Rei. Non só pola similitude, grosso modo, entre os nosos apelidos, senón tamén porque o seu cometido tiña algo de misión suicida. Se cando este acontecemento deportivo se chamaba Copa do Xeneralísimo tiña vetada a arbitraxe da súa Final aquel árbitro de Primeira División de apelido Franco, para evitar calquera desinhibición desaforada desde a bancada, alguén tiña que caer na conta de que algo similar (neste caso o apupo ao himno de España) era previsible nunha final protagonizada polas inchadas do F. C. Barcelona e do Athletic de Bilbao. Ou non. Pero a estas alturas xa todos sabemos que, como a area dos anfiteatros romanos, o campo de fútbol adoita converterse nese espazo de desafogo onde todo individualismo se inhibe a favor da masa.

Tento porme na pel dese directivo de Deportes e non é doado. Ante si tiña unha difícil disxuntiva. Imaxínoo a noite anterior, insomne, asaltado por cuestións deste tipo: “Que facer: a) retransmitir todo tal como se presente -co cal corro o risco de que me poñan de pés na rúa- ou b) “maquillar” a realidade con algún que outro artificio televisivo -o cal tampouco me librará de exporme ao mesmo-?”. A vida é unha constante toma de decisións, non sempre acertadas. Ceros e uns, como nos computadores. Mesmo se te chamas, poñamos por caso, Ernesto Guevara de la Serna e es arxentino tes dúas opcións: vender camisetas coa túa efixie e fraseciñas enxeñosas, ou facer a Revolución Permanente. Nada che vai garantir que unha delas poda outorgarche máis inmortalidade que a outra. Pero volvendo ao tema, coido que eu, de estar na pel do meu homónimo de apelido, tería optado pola opción a) xa citada e que fose o que Deus quixer. Á fin e ao cabo a función dos mass media debería ser a información e o resto, gaitas. Pero aqueles que ousan falar de censura nun caso como este non caen na conta de que, probablemente, este home chegou á segunda opción por razóns non menos sólidas das que a min me levarían á primeira e que expoño brevemente a continuación.

A televisión é, cada vez, máis un xénero de ficción. Xa saben: falsos directos con cinco minutos de retardo, tempos e preguntas pactados nas entrevistas, series e programas que se copian, plaxian ou parodian uns aos outros creando unha espiral de autorreferencias difícil de deslindar, mesmo para os máis avezados. Hernán Casciari queixábase non hai moito no seu blog de que, en España, até os reality teñen guionista e están protagonizados por actores, en lugar de por xente anónima, que len as súas confesións nun teleprompter. Por iso, este directivo agora destituído debeu de pensar, nun afán de barroquismo artístico, que, en troques de limitarse a amosar as cousas tal como ían ser, sería mellor crear (pois medios técnicos non faltan hoxe día) unha pequena “peza” artística, que non unha realidade paralela, aínda que, iso si, máis amable que esta, embelecida, pura cornucopia vaia, co loable fin de entreter a un público que, como adoita ocorrer, asiste, entre o sopor e a indiferencia, a todos eses momentos himnicos cargados de oficialidade.

En fin, a vida, xa o dixemos, é unha toma de decisións. Talvez nun caso como este a destitución sexa excesiva (outras fontes dinme que foi el mesmo quen entregou a súa “placa”, como os polis das pelis) para alguén que só quixo facer unha videocreación de carácter conceptual, é dicir, unha das formas de arte máis sofisticadas do século XXI. Pero xa Platón advertiu que había que botar aos artistas da caverna. Pola miña banda, penso, cada vez máis, que é o fútbol o que debería ser elevado á categoría de arte por riba da de acontecemento deportivo (así talvez conseguiríase que botasen os partidos de madrugada e as películas subtituladas fosen “relegadas” ao prime time). E se non que llo pregunten a Touré, autor do primeiro gol do Barça, que explicaba a idiosincrasia deste deporte mellor que todas as sesudas (aínda que axeitadas, por certo) estratexias de Guardiola: “Xutei porque a miña dona sempre me di que debo xutar máis”. Iso si é arte e o resto, gaitas.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

16/05/2009

1 comentários :

  • Facede unha pequena comprobacion, e veredes que cosa tan curiosa:
    Escoitade o inicio do partido, gravado na fonoteca da cadea SER. Escóitanse os asubíos e apupos antihimno de maneira clara e nídia. Logo probade a escoltar o que se transmitiu pola TVE no descanso do partido. Nótase claramente que non coinciden.
    As imaxes son do inicio do acto, efectivamente, pero foron montadas co son ambiente de "outro" partido no que tamén soaba o himno.
    Escoitádeo e veredes que non coinciden para nada os sons.

    Por certo, parabéns pola web.

    11:04 do 17 de maio de 2009

Danos a túa opinión