Morte do Libro

Bruno Marcos

Desde mediados dos anos noventa o futuro do libro comezou a porse en cuestión primeiro pola comercialización dos equipos informáticos e, despois, pola aparición de Internet. Apenas pasaron quince anos e hoxe parécenos imposible pensar que poidésemos vivir, hai tan pouco, sen estes dous recursos que hoxe semellan imprescindibles. As melloras en canto á elaboración de materiais escritos e á divulgación destes foron enormes, aínda que, non se produciu un desprazamento tan brutal dos medios impresos tradicionais como se prevía. Internet foi colonizando espazos pouco vixiados e creando nichos de expresión, pero, sempre, á sombra dos medios que o invento de Gutenberg propiciara, limitándose, en moitas ocasións, a ser un duplicado de libros ou periódicos.

A prensa escrita e o libro lograran un status social moi elevado constituíndose a mesma imprenta nunha máquina de lexitimación dos discursos ou das informacións que contiñan. Aos poucos anos de aparecer a rede estendeuse a idea xeral de que nela había moito lixo confrontándoa á, tamén xeral, idea de que os libros, por moi malos que fosen, sempre tiñan algo bo. Así é que o esforzo mecánico e o investimento económico que precisaban as impresións gráficas, e que viñan ser un defecto no presente informatizado, revalorizáronse ao constituírse en garantes de certa selección de contidos.

É certo que a prensa fixo esforzos por ter presenza en Internet e que, en certa medida, acusa perdas porque non acaba de achar a forma idónea de asimilar a actividade empresarial á sociedade da información actual. Con todo e doutra banda, os xornais que unicamente existen na rede non acaban de ter o prestixio suficiente como para aspirar a desprazar aos tradicionais.

O mundo editorial dos libros pola súa banda si que parece manter baixo control aos inventos que queren desahucialo. Nin o libro electrónico nin a posibilidade de descargar obras literarias gratuitamente logran facer perder aura ao libro convencional. O libro ten do seu lado o simple feito de que é unha cousa e, como tal, pódese tocar, cheirar, transportar, regalar, prestar ou mesmo esquecer ou perder, e, sobre todo, pódese cargar de connotacións simbólicas. É, por tanto, un perfecto obxecto de fetichización. Como mercadoría, ademais, é moi receptivo a aquelas plusvalías das que falase o barbudo de Marx, mentres que os produtos electrónicos propenden, como xa sabemos, ao gratuíto.

Non son o mesmo, que dúbida cabe, uns libros que outros, unhas edicións que outras, unhas encadernacións que outras e, como explicaba Juan Ramón, o mesmo libro en edicións distintas di cousas diferentes. Os cincocentos anos da Imprenta non se poden borrar dunha plumada como, probablemente, non se desestimaron ao instante nin o papiro, nin o pergamiño, e como, seguramente, tampouco se enviou inmediatamente ao paro nin ao escriba exipcio nin ao amanuense medieval. Ademais a pantalla electrónica segue causando certa renuencia, unha electrización que non permite a posta en contacto das dúas intimidades, a do autor e a do lector, que tiña lugar co libro de papel.

Internet propiciou un incremento considerable da lectura porque eminentemente foi un medio escrito aínda que a imaxe e o son sexan alcanzables. A rede rescatou xéneros como o epistolar, o diario por entregas ou o foro, o faladoiro se se quere; con todo o que se bota en falla nela é outra paradigma do coñecemento. O que a rede acabou por desenvolver é un sistema de procura onde a xerarquía de accesibilidade dos coñecementos ou da información procede da súa popularidade principalmente. Navegar en Internet supón ir á deriva porque non temos un sistema que vertebre o coñecemento como facían os libros entre si. Podemos afirmar que Internet seguiu o modelo catastrófico da Biblioteca de Babel de Borges en lugar de construír o seu propio mecanismo para transmitir a información e o coñecemento. O libro tradicional contén un itinerario do coñecemento que nos queda perfectamente definido, por exemplo, no xénero do ensaio onde a cita e a nota ao pé non son senón o camiño dos carreiros que se bifurcan, propostas para ese preciso itinerario.

Se botamos unha ollada retrospectiva ao que foi a rede nestes anos veremos como unha das ideas primeiras e máis cegadoras, aquela de o hipertexto, foi sendo relegada para volver á de índice que é propiamente un instrumento do libro. Todos os hiperligazóns foron relegados á función de acortador de distancia entre o sinal e o seu contido en lugar de propiciar conexións neuronais entre coñecementos emparentados. Proxectos como Wikipedia, baseados no hipertexto e o traballo colectivo, dan a sensación de esmorecer fronte ao auxe dos buscadores e a competitividade por aparecer antes neles.

Está claro que o hipertexto, nos termos nos que o coñecemos, supón un esforzo colosal e unha digresión constante difícil de rendibilizar, por iso é polo que o que debería xurdir é unha ferramenta que, desde a propia rede, establecese eses itinerarios do coñecemento, algo así como unha hipertextualización automática na que prime a excelencia dos contidos.

O que queda meridianamente claro é que o libro non está, por agora, en perigo de morte porque é Internet a que foi colonizada polo seu modelo para atrofiar as grandes posibilidades de crecemento que nos anunciaba.

13 de maio de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión