A nova condición dos traballadores ou o empresariado contra o mercado

Xosé Manuel Pacho

Nestes momentos de crise, falar ou escribir sobre ela semella unha trivialidade, porque enriba da mesa temos moitos traballadores e traballadoras que están a padecer en carne propia as consecuencias desta gravísima situación económica. Porén, aínda que alguén pense que xogamos coas cartas marcadas debemos dar un paso adiante para defender o benestar común; para recusar o discurso imperante e totalizador e reivindicar máis liberdade, máis dereitos e, en definitiva, máis sociedade.

Durante moito tempo, moitos teñen dito en todos o abano ideolóxico que o mundo estaba dentro dun mercado, e que o que nos daba de comer era o capital. Tamén dicían que as garantías sociais e laborais era unha pesada carga ou, no mellor dos casos, un mal necesario. Curiosamente, entre eles atopábamos a sindicatos maioritarios e a sindicalistas que vivían moi ben fechando os ollos á realidade; que vivían e que viven moi ben na estaticidade, na pasividade fronte ao poder. Deberían aprender de Francia e da recente folga xeral, deberían aprender do que ten que ser o sindicalismo.

Porque agora a realidade rebélase amarga: a precariedade laboral é patente, os dereitos dos traballadores teñen sido peneirado ata deixar o estatuto do traballador minguado e baleirado, e mesmo os dereitos sociais xa non son nin sombra do que deberían ser. E a constatación de esta evidencia sería graciosa, se non for porque esta actitude irresponsábel leva por diante os dereitos, os soldos, e as vidas de moitos homes e mulleres que agora están no arame sen saber o que será o futuro.

E é que o empresariado e toda esta tribo de pelotas-políticos-papóns están a descubrir que esta crise non é a crise do estado social, non é a crise da socialdemocracia. Non. Aínda que nos queiran enganar, é a crise do capitalismo, do liberalismo económico, e en definitiva dun sistema financieiro no que todo-vale para obter dividendos. Por iso, os países que teñen sido paradigma deses valores anticidadán como os Estados Unidos ou o Reino Unido agora teñen que aturar a magnitude da treboada.

Dicía Calígula que lle gustaría que o pobo de Roma tivese unha soa cabeza para poderlla cortar dun só golpe, pero aínda que ese desexo se houbera cumprido, Calígula non deixaría de ter sido un emperador cruel que propiciou a crise e ruína de Roma. E do mesmo xeito, o empresariado galego e español poderían pensar que a crise está causada polos dereitos sindicais e laborais, e que cun despido libre os beneficios das empresas serían inmensos, pero aínda que ese desexo do empresariado se cumprise como o de Calígula, a realidade é que a crise ten sido causada exclusivamente polo concepto falso de capital, de beneficio e pola existencia dunha feble estrutura de Estado nos ámbitos produtivos que fixeron que a besta medrase ata ser case que imparábel.

Nós, todos nós, xa o sabiamos, pero agora nin tan sequera os medios de des-información poden disimulalo. A culpa da crise tena un sistema económico extremado e desmesurado. Semella un fodido paradoxo, o que outro día saía na portada da revista Time, na edición europea, unha imaxe de Karl Marx, e unha pregunta: que pensaría da situación actual da economía no mundo.

E iso tráeme á cabeza a Amartya Sen, premio Nobel de economía e profesor de Harvard que leva moitos anos dicindo que ten que haber unha ética pública, e que esta está en estreita relación co desenrolo económico. Desenrolo económico que pasa porque todos os membros da estrutura social vivan dignamente, que as políticas económicas non maten de fame a ninguén, e que no se pase por riba das persoas.

Porque ata que as empresas se decaten de que o seu máximo valor son os traballadores, todos os demais argumentos sobran. Os heroes de calquera modelo económico ata do capitalismo son os traballadores. Pódese dicir que estas ideas son de economistas de esquerdas, son idealizacións da realidade, pero o certo é que todo o dito é absoluta verdade. Por iso non valen actitudes como as dos banqueiros e empresarios na Galiza e no Estado. Queren estes executivos que lles deixen diñeiro e, dende logo, permítense asegurar que non se poden privatizar as empresas para apuntalar o sistema, porque os gobernos son malos xestores, a diferenza de eles que tiran o diñeiro como se medrase nas árbores. Era moi esclarecedor o artigo de Paul Krugman no New York Times, que se titulaba “Rescates financieiros para incompetentes”. El tamén é premio Nobel, e profesor en Princeton. E cito a Sen e a Krugman, prestixiosísimos economistas, para que ninguén teña dúbida que os argumentos están aí, que non é un discurso de esquerdas ou idealizado, é un discurso real.

Como tamén é real a cultura do exceso do empresariado, dos políticos, e dos que malgastan o diñeiro que non é seu. E se cadra tamén é un bo momento para saber canto cobra Gayoso de Caixa Nova, ou Méndez de Caixa Galicia, porque xa sabemos que Fenosa ten executivos que cobran moitos cuartos, con recursos de todos os cidadáns do país. Obama deixouno claro. Está disposto a falar de axudas para manter o tecido industrial, coa condición de que as empresas, mellor dito, os directivos das empresas limiten os seus emolumentos.

Quero rematar cunha reflexión que penso que é fundamental no sistema económico e financieiro actual. Os traballadores, as traballadoras, teñen unha posición capital, permítaseme a expresión, e moito máis sólida e importante que noutros momentos históricos, e que os movementos sindicais deben valorar debidamente.Agora o traballador, a traballadora é: un suxeito fundamental do mecanismo produtivo, é un consumidor, e amais é un contribuínte. Esta trinidade si que ten que traer de cabeza aos empresarios sen escrúpulos. Agora o señor Botín non está botando á rúa a 300 traballadores, e esas empresas automobilísticas cando fan regulacións non afectan só ao estritamente produtivo: están a perder clientes que poden mercar os seus servizos, e contribuíntes que lles poden pagar axudas. E efectivamente, calquera imbécil, ata o presidente dun banco, pode entender que non se poden confundir os beneficios das empresas, co propio activo do sistema, senón acabarán co modelo.

Daquela, amigos e amigas valorémonos, e valorade o camiño que fica por diante, un camiño de reivindicación, de loita polos dereitos sociais, políticos, e sindicais, e de consagración do home e da muller como cidadán, como traballador, como consumidor, e como contribuínte. Por fin, os tempos son chegados.

04/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión