O Teatro Negro de Praga en Vilalba

Redacción

O Teatro Negro de Praga presentará a súa nova proposta o mércores 13 de maio, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba. Trátase dunha divertida comedia non verbal e multivisual inspirada pola soada novela de K. Bürger «O Barón de Munchaussen» que conta con Pavel Marek como produtor e director artístico. As divertidas aventuras do rei dos tolos levarán aos asistentes ata o propio seo da fantasía. Mediante a maxia e os trucos do teatro negro, e cunha serie de efectos multivisuais únicos, de películas de debuxos animados e de ficción, haberá unha travesía pola profundidade do océano. Este espectáculo é accesible pola súa naturaza non verbal a audiencias de calquera idade e nacionalidade.

Cun total de 14 actores que percorren o mundo cos seus espectáculos, o Teatro Negro de Praga leva décadas dándolle a volta á esencia mesma do teatro e atrapando á súa audiencia con todos os elementos posibles: son, luz, música, baile, mimo e coloridos accesorios. Os actores están rodeados no escenario completamente negro iluminado por luz ultravioleta. O grupo enriqueceu a técnica do teatro negro cun sistema de voo e co uso de películas animadas proxectadas sobre o escenario con diferentes formatos.

As funcións, que contan co patrocinio de Caixanova, comezarán na Estrada o martes 12 de maio, ás 21.30, no Teatro Principal desta localidade. Logo do seu paso por Vilalba, o Auditorio do Centro Social de Pontevedra é o escenario escollido para a súa representación o xoves 14 de maio, ás 21.00 horas. A xira finalizará o seu paso por Galicia o venres 15 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova de Vigo.

10/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión