Os datos raros das enquisas



Fermín Bouza

Nas enquisas hai datos raros e claros, datos ocultos e evidentes, datos de mil matices. A min gústame sentarme algunhas horas diante dos arquivos e esgotar todo o que se pode facer con eles, gústame mirar como un parvo os marxinais, á espera dalgún milagre cognitivo, gústame darlles mil voltas. Ás veces atopo cousas.

O preelectoral das eleccións galegas estaba cheo de perlas marabillosas e nel vin a derrota do Bipartito como nunha bóla de cristal. Non podía facer nada. Conteino nunha conferencia que dei na Facultade de Comunicación de Santiago, convidado o director de Tempos Novos, Luís Álvarez Pousa, vello amigo e un dos xornalistas que levan a Galicia até a vitoria (sempre), sen dúbida.

Cando se produciu a derrota, entrevistáronme do xornal A Opinión, da Coruña, e ante as afirmacións da miña entrevistadora eu aclareille que en Galicia había un 25% de votantes máis radicais que o BNG (ou algo así moi parecido). Eu son persoa educada nas ciencias naturais e sociais, e coñezo os mínimos protocolos do meu oficio. Tamén coñecía de cabo a cabo a enquisa preelectoral do CIS, que me tiña moi abatido desde antes da derrota, porque eu son da "casca amarga" que dicían os franquistas (nun blog de fachas galegos chámanme de todo polo meu currículo político e por esa afirmación sobre a que enseguida volvo, insultos propios desa clase de xente que tan ben coñecemos, e que en Galicia xa, afortunadamente, non son moitos). Coñecía esas cousas e sabía que había un 58,3 % de enquisados que vían ao BNG á súa esquerda. Redondeemos a un 60%. E o outro 40%?. Un 21,1% ou vían o BNG á súa dereita ou víano exactamente onde se situaban eles na escala de autoubicación. A eses había que engadir un pequeno grupo de autoubicación máis opaca (NS/NC), pero se cadra un 2-4% deles era asimilable a ese 21%. Total: sobre un 25% de votantes situábanse á esquerda do BNG ou se situaban de tal maneira que ao menor movemento do BNG tamén o vían á súa dereita.

Consecuencia: había unha alta porcentaxe autosituada á esquerda que podía ver ao BNG á súa dereita. E iso anunciaba treboada, como así foi. Queda pois aclarada esa afirmación pola que fun insultado polos de sempre. Seguimos avanzando. Saúde e ciencia.

Outro día cóntolles ata que punto ocorren cousas raras nas contestacións da xente a algunhas preguntas aparentemente sinxelas.

10/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión