Preocupación dos nacionalistas lugueses polo peche da planta láctea en Outeiro de Rei


Redacción

O responsable comarcal do BNG en Lugo, Antón Bao, e a concelleira nacionalista en Outeiro de Rei, Dulce Neira, compareceron en rolda de prensa para manifestar a súa preocupación polas consecuencias derivadas do peche da planta de Leite Pascual en Outeiro de Rei. Dende o BNG indicaron que a repercusión de este peche terá graves consecuencias, tanto para os 155 traballadores que hai na planta como para o tecido socio-económico da zona.

Dulce Neira sinalou que o impacto económico social na zona será “moi grave neste momento de crise despois de que esta industría leve dezasete anos implantada en Outeiro de Rei”. A edil nacionalista tamén resaltou que “a pesares da súa boa intención é pouco probable que as negociacións que o alcalde leve a cabo coa empresa poidan dar resultados positivos”. Dulce Neira indicou que o mandatario municipal debería presionar á consellería do Medio Rural para que interveña neste asunto, que se prevía dende hai algún tempo dado que esta empresa deixara de recoller leite aos produtores.

Antón Bao, como responsable comarcal do BNG de Lugo, lamentou a “pasividade” do conselleiro de Medio Rural e da delegada da Xunta de Galicia en Lugo á hora de defender os intereses dos traballadores e traballadoras afectadas e dun sector produtivo que está a sufrir directamente as peores consecuencias da crise. Bao manifestou a súa preocupación polo que vai a ser a política da Xunta no relativo ao sector lácteo, despóis de ver as declaracións do actual responsable da consellería do Medio Rural. Tras a súa chegada ao cargo, o novo conselleiro aseguraba que “hai explotacións gandeiras que deben de pechar para beneficiar ao conxunto”, ademais de apuntar que a Xunta non debe de intervir na creación dun grupo lácteo galego xa que este “debe de nacer da iniciativa privada”.

Asemade, Antón Bao lembrou que gran parte dos problemas relacionados co sector lácteo están derivados das políticas da UE e resaltou a necesidade de que Galicia esté representada, como país, nos foros onde se deciden as políticas que afectan directamente aos intereses galegos xa sexa no sector agrogandeiro, pesqueiro ou industrial.

06/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión