Quen é Feijóo?


Antón Baamonde

Pois, de momento, para que imos enganarnos, non o sabemos exactamente. O perfil do novo goberno parece suxerir que Núñez Feijóo e os seus colaboradores cren que en Galicia xa acabou un ciclo. O que máis chama a atención nel é a súa aparente falla de diversidade. Todos os conselleiros parecen remitirse ao mesmo patrón en termos sociolóxicos: clase media urbana, profesionais, funcionarios e empresarios. Todos homologables, no ideolóxico, aos seus equivalentes do madrileño barrio de Salamanca. Un pode preguntarse de feito se en Galicia xa progresou tanto esa moda e eses modos ou se se trata, máis ben, dun voluntarismo de dereita. En todo caso, Feijóo fuxe da relación coa era Fraga. O seu lema “Empezamos” tiña ese sentido. El quere ser o heraldo dun novo tempo.

Até que punto iso é posible? Afirmará a súa autonomía Feijóo respecto aos poderes fácticos do país? Non creará unha escola de resentimento dentro do seu propio partido? Acaso, despóis dos nomeamentos, non se estará creando xa o ovo do descontento?.

Son preguntas que, por certo, son moi parecidas ás que un podería facerse despois da toma de posesión do goberno de Touriño.O feijoísmo -poñer entre paréntese o poder dos baróns do partido- pode ser, nese sentido, outra variante de touriñismo.

Veremos se eses nomeamentos e a transformación que parecen querer inducir do PP non crean efectos colaterais. Parece máis que probable que, unha vez pasados os efectos narcóticos do inicio, os problemas se acumulen: non sabemos por onde lle van a vir, pero sabemos que os terá e que está peor preparado para soportalos do que ningún outro goberno na curta historia do autogoberno. Dende Baltar á batalla pola castelanización de Galicia Feijóo púxose a si mesmo problemas. Veremos se sai deles e cómo.

Sexa como for, o conservadorismo de ampla base de Fraga parece estar sendo substituído por unha versión da dereita homologable á que un podía atoparse en calquera parte do mundo… antes da crise. Milton Friedman, Reagan, Thatcher: todo iso acabouse. A dereita xa non pode ofrecer aos seus electores esa mestura de libertarismo económico, patriotismo e, ás veces, fundamentalismo relixioso que compuxo a súa receita básica no ciclo que agora se está acabando.

A dereita deulle esa pócima ás clases medias en todo o mundo pero insistir nela hoxe é o camiño a ningunha parte. Se eu fora eles volvería ao capitalismo renano e ao empirismo da tradición británica. Pero todo parece indicar que á dereita de Galicia, dentro xa da visión visigótica que cada día difunden os medios madrileños -esta é outra das novidades- vaille a marcha: ortodoxia liberal e leña ao galego. Din que son moi listos: eles saberán.

06/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión