Ramón Piñeiro, españolista


Antón Baamonde

Fun a semana pasada á presentación do número de Grial acerca de Ramón Piñeiro. Houbo de todo no acto: xentes que o loubaron e voces máis críticas. Pero está fora de toda dúbida que o Piñeiro máis polémico e o que ergue máis paixóns é -como non podía ser doutra maneira- o Piñeiro político. Doume conta agora de que acabo de escribir “é”, cando debía dicir “foi”. Tal vez a clave está en que aínda non somos capaces de velo en perspectiva histórica, coa ecuanimidade de quen fala dun pasado concluso.

Hai un artigo nese número, debido a Justo Beramendi, que se títula “a interiorización da derrota” e no que argumenta que a acción de Piñeiro non resulta moi obxectable até os anos sesenta. Nin meter no conxelador ao Partido Galeguista nos anos cincoenta nin a creación de Galaxia son asuntos que deban discutirse, afirmou. Na opinión do historiador, o realmente erróneo foi o non erguer ese partido -ou algunha metástase- a partires daí, cando xa se intuía a recuperación da democracia. É unha opinión coa que se pode estar dacordo e, de feito, algo parecido escribín hai uns anos nalgún lugar. Cómpre lembrar, en todo caso, que os que condean a Piñeiro tamén deben condear a Paco del Riego, Xaime Illa, a Fermín Penzol, e a todo o galeguismo do interior que mantivo similares posicións. Quen lea as memorias de Don Paco Del Riego, ou lle preste unha miga de atención, poderá confirmalo.

Agora ben, ademais da “interiorización da derrota” -tamén no nacionalismo contemporáneo, incluído o así chamado “radical”, hai moito diso cando se escarba algo- hai en Ramón Piñeiro moito xa non de “chivo expiatorio”, senon de pantalla na que se proxectan, e á que se lle atribúen, todas as impotencias habidas e por haber. Especialmente, non foi Piñeiro o causante de que o PSG resultase un fiasco. Os contactos co SPD, ou con cataláns como Josep Pallach, foron facilitados por él e os seus compañeiros, por mencionar só un aspecto da súa posición nesa década. Outros son os que se poden atribuír con maior xustiza ese mérito. Tampouco Piñeiro é responsable dos erros -se os houbo, que así é de temer- de Unidade Galega ou de Esquerda Galega. A aposta do entón BN-PG pola oposición ao Estatuto, á Constitución... tampouco foi responsabilidade de Don Ramón, que se saiba.

Un pequeno detalle, para enmarcar a transición en Galicia por esta banda do espectro. Para a UPG do momento non é que Ramón Piñeiro fose especialmente españolista. Non era él o que ocupaba de modo especial as mentes dos por enton maoístas -maoístas eramos todos daquela-. Peor era Beiras e xa non digamos Camilo Nogueira, cando abandonou o BN-PG.

Beiras era un españolista, naturalmente: andaba co PSG pola Federación de Partidos Socialistas e parecía supoñer que Galicia podía deixar de ser unha colonia sen romper con España. E Camilo Nogueira era outro españolista porque, como rezaba a argumentación estándar “non hai mellor cuña que a do mesmo pau”. Tal vez son cousas que cabe lembrar, para situarnos… Unha última consideración: o BNG de hoxe sería, visto cos ollos e os criterios do “nacionalismo popular” da transición, reo evidente de españolismo. Por todo, da A á Z…

8 de maio de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión