Scandal presenta o seu novo disco "Time for Heroes"

Redacción

O grupo Scandal presentou o seu novo disco “Time for Heroes” o pasado venres 8 de maio na sala Mardi Gras de A Coruña. O disco foi gravado nos estudos Visue (A Coruña) entre novembro de 2008 e marzo de 2009 e masterizado en Sterling Sound (Nova York).

O proxecto Scandal naceu en decembro do 2001. Luís Quintana (guitarra) e Sandra Candal (voz), tras as súas respectivas experiencias noutras bandas, deciden xuntarse e gravar 9 temas que darán lugar ao seu primeiro LP “Famous after death”. O proxecto autoeditado grávase nos estudos Bonham, baixo a batuta de José Bonham, quen ademais colabora na produción e toca a batería en todos os temas.

O disco tivo unha boa acollida de parte do público, xa que en poucas semanas vendéronse algo máis de 200 copias. Isto motivou que a xente quixese ver a Scandal tocar en directo. Mesmo foron convidados a colaborar en proxectos como o Festival Cabo Sam Lourenzo na Sala Nasa de Santiago, pero na realidade, Scandal non existía como banda.

Nese momento xorde a inquietude de converter a Scandal nun grupo estable. O guitarrista David Pazos foi a primeira incorporación, quen grazas ás súas influencias conseguiu matizar e reforzar o son da formación a base de talento. A banda viraría ao longo dos dous anos seguintes por todo o territorio galego en formato acústico, así como na súa contundente formación eléctrica.

O éxito desta xira motivou que os integrantes de Scandal decidísense a gravar o seu segundo traballo. O que sería o segundo disco, por distintos motivos quedou reducido a un EP de catro cancións titulado “Scandal still kickin”. A inclusión, a mediados de 2008, de Ale Cambón (baixista) e Bruno Couceiro (batería) permite a Scandal pecharse no estudo a preparar a gravación do que será o seu terceiro traballo, "Time For Heroes".

As diversas influencias dos membros dan lugar a unha fusión espontánea de música que, en directo combina sutileza con potencia. A solidez da formación rítmica combínase coa sutileza da lead, que xunto a unha voz desgarrada e doce se misturan para dar lugar ao que é Scandal. Un pop-rock infestado de enerxía e cheo de matices, aderezado coa dozura da variedade idiomática que permiten, desde Galicia, viaxar polo mundo sen moverse dos altofalantes.

A banda representa a nova Galicia do século XXI que alaga coa súa cultura a outros países e ao mesmo tempo bebe de fontes internacionais. Un produto galego actual e fresco cun toque multicultural e cosmopolita.

Pódese escoitar un adianto dalgún dos 12 temas que o compoñen en www.scandalband.com. Trátase de Pop-rock fresco e enerxético "made in Galicia". Avalados por sete anos de traxectoria. Seleccionados por Nsaio non Camiño (Ruta Xacobea) 2009. (www.nsaio.org). Máis información sobre a banda; www.scandalband.com Descargas de música, fotos e dossier; www.scandalband.com/prensa. Contacto: skandal00@yahoo.es ; 692956878

10/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión