Traxectoria vital


Xulio Xiz

As últimas noticias que recibo de Vilalba, proporciónanme unha perspectiva temporal e cultural. Temporal, de nenos a maiores. Cultural, porque se refiren a formación, regulada ou non, educativa ou de lecer, que formación toda é.

Se empezamos pola base, polo principio, é noticia excelente que os colexios vilalbeses aumenten de alumnos o próximo curso escolar. Porque mentras de xeito xeral baixa o alumnado polos descensos na natalidade, en Vilalba aumenta nos colexios de infantil e de primaria, tanto no rural como na zona urbana. Non é moito o incremento, pero un só alumno que aumente é digno de mención. Tamén hai ocupación completa na gardería vilalbesa, polo que o concello vese obrigado a buscar unha nova ubicación para esta instalación.

Nos próximos días, o colexio Insua Bermúdez vai fallar o seu Certame “Letras Galegas” de narración e poesía, que ten dedicado a Benxamin Paz, o mestre do centro finado xa hai catorce anos. E agora, porfiando na vinculación dos certames con persoas do centro, vaille dar o nome de David Díaz Vázquez ó certame de debuxo infantil. David era o neno de tres anos, alumno do Insua Bermúdez, que morreu ó quedar atrapado na fresadora que manexaba seu avó. A lembranza non mitigará a dor da familia, pero é testemuña perfecta da sensibilidade das xentes dun centro educativo polos membros da súa comunidade.

Avanzando nas idades, atopamos que os rapaces do Mato Vizoso participaron nun taller de superviviencia. Curiosamente non se trataba de ningunha viaxe pola selva, senón aprender a cociñar ou facer a cama. A fin de contas, supervivencia urbana, que nestas cousas tan básicas os homes adoitamos suspender.

Os maiores tamén participan en actividades, e máis de cen alumnos da universidade a distancia senior participaron en Vilalba nun seminario sobre o cambio climático e a loita contra del, o que lles serviu para abordar a produción agrícola sostible e o cambio no medio rural. O que é digno de subliñar é que existen cento seis alumnos da UNED senior en Xestoso, Labrada e Momán, localidades veciñas nosas.

Dúas notas máis, de formación específica non regulada. Dunha parte, unha peregrinación de varias parroquias vilalbesas a Pontevedra para visitar a basílica de Santa María, o santuario dos antigos mareantes pontevedreses, que este ano celebra o seu xubileo. E trinta veciños de Insua participaron no programa Kilómetro cero da Deputación Provincial de Lugo, visitando o Mazo de Santa Comba e a Ribeira Sacra, nunha campaña para coñecer mellor o territorio provincial de Lugo.

E se todo na vida é aprendizaxe, situémonos no final, que a duración da nosa vida podemos moi ben centrala como aspiración na cifra de cento tres anos, que tiña a vilalbesa que morreu recentemente na parroquia de Tardade, aínda que era nativa de Codesido. Tivo quince fillos dos que viven oito, e netos, bisnetos... unha vida longa e fructífera como para todos desexamos.

Aínda que se fala de que os prognósticos de vida aumentan a cada momento que pasa, que vivir máis dos cen anos vai ser o normal no futuro, poñamos os cento tres anos de Carmen Currás Eimil como exemplo e desexo para todos os internautas e para min mesmo, que chegados aí xa pediremos algunha prórroga.

Imaxe: Mencer en Vilalba. Eduardo Baamonde 2006

07/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión