Un novo consenso lingüístico?


Fermín Bouza

Falemos da lingua de Galicia, á que o novo presidente da Xunta, derrogando ou preparando a derrogación do decreto do Bipartito e das leis xeradas nos gobernos anteriores do PP, converteu nunha prioridade da axenda persoal de moitos cidadáns demócratas e sensibles, falen ou non galego, e que certamente é unha prioridade obxectiva de axenda pública, pois todos os indicios correctamente interpretados das series estatísticas conducen invariablemente á mesma conclusión sobre a lingua nacional de Galicia, é dicir, á súa probable morte real, aínda permanecendo longos anos como lingua de pequenas comunidades. Calquera outra interpretación dos datos coñecidos non creo que teña fundamento tecno-científico algún: a inestabilidade metodolóxica nas enquisas e a limitación mostral de datos máis estables (CIS) fai difícil ou imposible saber con exactitude o punto actual de deterioramento do galego, e sería necesario artellar un estudo multinivel que nos situase ante datos máis certos.

As estratexias científicas de recuperación pasan, no caso de linguas claramente en declive, por políticas de inmersión ou ben case totais (Cataluña), ou ben con bilingüismo inmersivo en ambas as linguas paralelas (Irlanda, similar ás galescolas de aquí, con núcleos gaélicos voluntarios favorecidos polo estado, que se van incrementando a medida que a poboación recupera o uso funcional e o amor á súa lingua), con resultados destacables pero non definitivos, pois as causas non directamente políticas son moi fortes na sociedade global, e transforman o problema cara ao vector sociolóxico, moito máis difícil de combater que as determinacións políticas, que poden cambiar con cambios de goberno. Pero non é así, aínda que os gobernos poidan favorecer estratexias científicas paralelas ás estratexias políticas, e desta forma ir máis aló do politicamente correcto e abrir un camiño certo de salvación. Dise, nun alarde de cinismo (cinismo que haberá que ir acatando e comprendendo como "politicamente correcto", pois estará sobre a mesa de calquera negociación), que as linguas deben ofrecerse no ensino e na sociedade nun plano de igualdade, pois iso é o democrático, e dise despois de someter a unha delas, o galego no noso caso, a unha absoluta marxinación na organización do estado e a administración, que creceron de costas á lingua nacional e ampararon á "lingua común" do estado creado tras a existencia do propio galego como lingua nacional. Unha vez consumada a marxinación da lingua propia (non hai outra denominación máis correcta ca esta) dicir que xa é tarde, que agora todos somos iguais, e faise competir a ambas as linguas nunha carreira imposible. Nesta falacia foron usadas as urxencias económicas dun país con problemas estruturais como moeda de cambio da súa identidade lingüística. Quizá deberiamos dicir xa está ben a tales razóns sen fundamento ético nin científico e irnos directamente ao gran da realidade política para falar de política, pois de ciencia é complexo falar con quen non teñen por oficio destripar a realidade nalgún nivel de análise, e non ven outra cousa que os desastres históricos como feitos consumados. Para desmentir esa consumación de tales desastres e devolver a Galicia a súa lingua están centos de miles, se non millóns, de cidadáns dispostos a empuxar cara a ese fin tan magnífico como difícil.

Falar de política significa aceptar que hai un partido moi importante cuxa maioría de votantes fala galego pero que parece que non está xa disposto a manter unha estratexia conservacionista dese idioma nacional de Galicia, e non digamos unha estratexia recuperacionista. Pero mesmo o PP necesita algunha estratexia, por morna, pobre ou ineficiente que sexa, e aí deben estar as forzas políticas e sociais deste país, partidos, organizacións cívicas e sindicatos, para chegar a acordos, sequera de mínimos, que danen o menos posible á nosa lingua, xa en estado crítico.

Neste sentido, e esquecendo ciencia e ética por un instante, o obxectivo de reducir os danos é o suficientemente xeneroso como para tentalo. E todo iso sen deixar nin un minuto de manter as alertas e as mobilizacións necesarias para que ninguén esqueza que estamos a asistir a unha agonía que nos avergoñará como pobo e para sempre se non somos capaces de reverter esta situación agónica. Teño a absoluta certeza de que Ramón Piñeiro, cuxo ano celebramos, ou os anteriormente agasallados nos últimos anos, Álvarez Blázquez, Otero, Risco, Bouza, Castelao, Bóveda... todos eles estarían de acordo nesa tarefa básica de dignidade e salvación nacional. Tarefa de traballo político, pero tamén de traballo a secas, pois unha importante militancia cívica é necesaria para pór en marcha en todos os niveis de traballo a estratexia total que pode ser decisiva.

22/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión