Visita institucional da Deputación de Lugo ao colexio de Román


Redacción

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, visitou hoxe as instalacións do CEIP Terra Chá – Román Santalla (Vilalba) e acompañou a boa parte do seu alumnado, con idades comprendidas entre os tres e os seis anos, no visionado da representación da peza teatral “Babiliglub!” da man do grupo Galitoon. Un espectáculo de luz negra onde se explora na posibilidade de contar unha historia con tan só catro palabras, cunha trama que case non precisa delas, asegura o grupo de teatro. A historia deste innovador relato é o movemento, a música e a plasticidade dos monicreques luminosos que flotan na escuridade.

Ao remate da representación, Antón Bao intercambiou impresións cos rapaces e rapazas que se amosaron máis que satisfeitos cunha obra que pretende converterse nunha “alegación pola tolerancia e a aceptación das diferenzas”. Para o vicepresidente da Deputación, “a maxia do teatro” consegue transmitirlles aos máis pequenos ideas e nocións de gran importancia con moita facilidade. Neste caso, créase un sentimento de empatía entre o espectador e o personaxe protagonista que fai deste proceso comunicativo todo un éxito, comentou o nacionalista. Ademais disto, Bao salientou que a representación deste tipo de pezas teatrais nos centros de educación infantil e primaria “é un elemento máis para educar na igualdade, no respecto e na tolerancia”.

07/05/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión