Algunhas cuestións acerca da consulta sobre a lingua


Paulo Naseiro

A Consellaría de Educación vai preguntar, mediante cuestionario, a 330.000 pais e nais galegos acerca das preferencias lingüísticas nas materias troncais, libros de texto e probas orais e escritas. A simple vista, parece un exercizo democrático saudábel isto de preguntar aos cidadáns involucrados antes de tomar certas decisións públicas. Pero, xa digo, só o parece a simple vista e non debemos deixarnos levar polas apariencias.

Técnicamente a cuestión é moito máis complexa. Vexamos. Para comezar, esta consulta -queden coa palabra- non é de ningunha maneira, nin científica nin legalmente, un instrumento estatístico. A Lei 9/1998 de Estatística de Galiza establece no seu artigo 5º que a actuación referente á estatística da Comunidade Autónoma de Galicia adecuarase, especificamente, aos principios de interese público, obxectividade, corrección técnica, obrigatoriedade da colaboración cidadá, respecto á intimidade, segredo estatístico e publicidade dos resultados (…). Ademáis, o artigo 10º obriga a que as normas reguladoras de cada estatística se aproben por decreto, que determinará como mínimo os obxectivos, o ámbito territorial, a periodicidade, as consellarías ou os organismos da Xunta que levarán a cabo a actividade estatística, o orzamento estimado, as persoas ou entidades obrigadas á subministración de información, así como a forma e os prazos nos que se debe subministrar esta e a forma e os prazos nos que se deberá difundir a estatística. Finalmente, o artigo 16º establece que as estatísticas elaboraranse con criterios obxectivos e de conformidade cos principios científicos que aseguren a súa corrección técnica.

Seguindo esta liña, a Lei 16/2006, do 27 de decembro, do Plan galego de estatística 2007-2011 impón certas premisas para a realización de actividades estatísticas, como a elaboración dun proxecto técnico que terá carácter público e será sometido á avaliación do Instituto Galego de Estatística e mailo Consello Galego de Estatística.

Parece, en principio, que nada disto se está a ter en conta á hora de abordar esta iniciativa da Consellaría de Educación.

Dende un punto de vista metodolóxico, existen tres clases de fontes de datos: os censos, os rexistros e as enquisas. Un censo é o instrumento estatístico de enumeración ou de reconto, en función dunha serie de características, de todos os elementos dunha poboación determinada. Un rexistro contén unicamente un listado de todos os membros pertencentes a un colectivo específico. Por último, unha enquisa é unha técnica de obtención de datos a través da observación dunha parte reducida da poboación, utilizando procedementos que aseguren a representatividade dos resultados de xeito que podan ser extrapolados ao conxunto da poboación, e que permitan reproducir o estudo para a súa validación pola comunidade científica.

O cuestionario que vai pasar a Consellaría non é técnicamente un censo, dado que non existe a obriga por parte dos pais de respondelo e, por tanto, non vai incluír a todos os membros do colectivo. O rexistro sería o censo de pais utilizado na consulta, sen máis información estatística. Tampouco é unha enquisa, pola súa propia configuración dado que a mostra elixida é igual ao universo, e o formato escollido fai técnicamente imposíbel utilizar ningún procedemento que asegure a representatividade dos resultados.

Así, o procedemento de recollida de información que se empregará -o cuestionario- presenta importantes sesgos que convén destacar:

1. O método de entrega do cuestionario aos indivíduos. Cantos nenos non extraviarán o “papeliño”?

2. O risco dunha elevada porcentaxe de cuestionarios non respondidos, o que pode diminuír notábelmente a representatividade dos resultados. É probábel que as persoas que non responden teñan opinións diferentes ás daquelas que si o fan.

3. A exclusión case sistemática daquelas persoas con graves dificultades de alfabetización e/ou comprensión, cun sesgo case sistemático cara a grupos marxinais ou periféricos.

4. A imposibilidade de axudar ao informante con explicacións complementarias cando non entende as preguntas, así como a imposibilidade de solicitar aclaracións ou precisións complementarias cando existen dúbidas.

5. A dificultade para realizar o control e a verificación da información.

6. A recepción tardía de moitos cuestionarios que, en consecuencia, non son utilizábeis.

7. A falta de adestramento metodolóxico do persoal responsábel da recollida e custodia -os directores dos centros- e, máis grave aínda, a falta de control do procedemento nunha cuestión tan sensíbel.

A todo isto sumen o descoñecemento de quen realizará o tratamento dos datos unha vez recollidos, con que criterios ou baixo que garantías estatísticas xa que parece que o Instituto Galego de Estatística non vai participar no proceso.

Por tanto, queda suficientemente claro que esta consulta non é, nin de lonxe, un procedemento estatístico válido e, por tanto, desde este punto de vista, os seus resultados son, desde o principio, inútis.

A partir desta premisa, preocúpame máis o feito de que, se non é un procedemento estatístico, parecese alarmantemente a un referendum popular, aínda que non sexa vinculante. Vexamos: hai un censo claro e nídio de participantes, isto é, os pais e nais de alumnos. Plantéxanse preguntas cunha soa resposta posíbel, de entre varias -se cadra outra eiva do cuestionario- e o goberno proclama que adecuará determinada política aos seus resultados. Branco e en botella...

Por que me preocupa? Lembren a Jose Antonio Ibaretxe. O referendo popular no Estado español require certas garantías. Para empezar, o Artigo 149 da Constitución Española reserva ao Estado a competencia exclusiva de autorizar a convocatoria de consultas populares pola vía do referendum. Estas, ademais, para respectar as mínimas garantías democráticas deben rexirse pola lexislación eleitoral vixente, coa intervención das xuntas electorais, a elaboración e aprobación dun censo, a constitución de mesas eleitorais e o control do proceso tanto polo Lexislativo como polos partidos políticos, a través de interventores, etc. É ocioso afirmar que nada disto está presente nesta ocasión.

Por tanto, o que está a facer a Consellaría é perfectamente inútil e, aínda diría máis, de dubidosa legalidade, e responde máis ao principio de Juan Palomo: yo me lo guiso, yo me lo como. Que desta consulta mane unha decisión política será, como mínimo, irresponsábel.

Non é unha imprudencia introducir nun debate abondo caldeado información claramente cuestionábel desde o punto de vista metodolóxico? Sería moito pedir que se fagan as cousas con sentidiño?

07/06/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión