Cartas a Antón

Bernardo García Cendán
Lugo, 19 de xuño do 2009

Meu benquerido Antón: Efectivamente, como ti me dixeches, estamos de remate. Non tolos, afortunadamente, creo, pero si de final de tempada: esta é a última carta. Con este motivo, a primeira cousa que me vén á cabeza é a de recuperar algún dos moitos temas dos que me falaches ao longo do ano e que eu non cheguei a comentar; pero recoñezo que a túa idea é mellor, como adoita acontecer. Cando che dixen polo teléfono que ía escribir a última carta, a túa reacción foi mostrar o noso agradecemento a toda a xente que nos escoitou ao longo do ano: non sabemos nin cantos nin quen foron, pero alguén habería e merece a nosa gratitude. En calquera caso, sabemos o nome dalgunhas persoas que estiveron ben atentas: a túa muller, a miña nai e unha señora chamada Chus, da parroquia de Ladra. Algo é algo. Aí lles queda o noso recoñecemento.

Pero non imos deixar así esta misiva: algo máis teremos que dicir. E poderiamos comezar cun tema que sempre fomos adiando e que, sen embargo, nos preocupou. Refírome á lea lingüística montada en Vigo por ese grupo que se fai chamar “bilingües” e que outros prefiren recoñecer coma “bífidos”, tal que as malas serpes. Se che digo a verdade, a min dáme preguiza volver sobre ese asunto que xa cansa, pero quero dicir dúas cousas das que ti me falas con insistencia. A primeira é que, polo escoitado, resulta que a mestra organizadora desa historia non é precisamente bilingüe, é dicir, nin sabe nin quere aprender algo da nosa lingua; busca escusas para non ter que facelo, e xustifícase no nome dunha liberdade que non nos acepta aos que queremos igualdade de dereitos para a nosa lingua. Non é serio. Coma ela hai moitos, de xeito que, ao final, os verdadeiros bilingües somos, curiosamente, os que defendemos o galego e tamén sabemos falar e escribir en castelán. Xa digo, non é serio e non merece máis atención. A segunda cousa xa me preocupa especialmente: parece ser que nas escolas vilalbesas hai nenos da vila (insisto, da vila) que tratan de inxuriar aos galegofalantes co alcume de “galeguistas”. Ti coméntasme que estarías orgulloso de que te chamasen así, e sei dun bo grupo de escolares que tamén o están, pero resulta, seica, que algúns dos así alcumados entenden que lles están a chamar aldeáns e acaban tristemente por se avergoñar do seu xeito de falar e do de seus pais. O triste é que non son poucos. Como ti ben dis, Antón, vólvese abrir un conflito que parecía superado: a discriminación da xente do rural. Sei dunha estudante de maxisterio que, de nena, choraba diante da súa nai por seren da aldea. Non sei se foi consecuencia, pero acabou por liderar a loita contra o noso idioma. É só un caso, claro, pero, polo que percibín nas aulas, temo que haxa moitos máis.

Outra cousa. Con ocasión da “consulta” sobre a lingua que ían realizar os de Feijoo, ti, meu amigo, fixéchesme unha observación que non quero deixar no tinteiro. Lembrabas que, cando eras noviño, o teu mestre contaba a historia das moitas persoas importantes, entre eles algún ensinante e algún cura, que estaban polo labor de que fose derrubada a muralla de Lugo porque impedía a entrada do progreso na capital. Ao final resultou que a operación tiña excesivas dificultades técnicas e tiveron que se conformar con abrir nela as grandes portas que agora contemplamos. Se daquela, dicías, se tivera feita unha consulta, é posible que moita xente, no nome da modernidade, votara polo derrubamento do actual monumento protexido. A túa conclusión foi pertinente e eu quero subliñala: canta xente acomplexada polo que consideran moderno aceptarán a desaparición da nosa lingua, o máis grande monumento cultural que temos? Aí deixo a túa pregunta agardando a resposta dos supostos bilingües que en realidade non son tales.

Tamén me gustaría falarche hoxe de dúas festas que se instauran en Vilalba. Unha, a feira medieval e a outra, unha convocatoria para celebrarmos xuntos, na praza da igrexa, a noite de San Xoán con gaiteiros, sardiñas e viño ofertados polos bares da zona. Non teño tempo de facer os moitos comentarios que desexaría. Simplemente quero manifestar o esencial das palabras con que ti, Antón, me anunciaches estes acontecementos. Non está nada mal, dicías, que se recupere esa zona da nosa vila que, de ser central, leva camiño de se converter en marxinal: antes, cando se falaba da praza, todo o mundo entendía que era a da Igrexa. Agora, os máis novos entenden que é a do cementón, unha mágoa. Cadro de acordo contigo, e, pola mesma razón, tamén aprobo esa idea que lle andas a comentar a quen teña a paciencia de te escoitar: a ver cando fan desaparecer os coches de diante da igrexa e son substituídos por unha ampla terraza unida ao mellor lugar de Vilalba para poñer unha boa cafetería. A casa de Goldeiros sería ideal. Así mo dis, amigo Antón, e así o poño, porque me parece unha idea moi interesante.

Aínda me quedaba dicir algo de Agustin Fernandez Paz que vai ser homenaxeado pola Asociación de escritores en lingua galega, pero del xa temos falado noutras ocasións e coñece ben o aprecio que ambos lle temos.

E remato dándolle a benvida a un novo membro desta nosa Vilalba, o Arturiño. É un novo sobriño-neto con que me agasallaron Arturo e Ana. Como sei o moito que ti lles queres, aproveito para mandarlles desde esta última carta os nosos parabéns máis agarimosos.

Nada máis, meu Antón, e xa non é pouco. Se Deus o quer e a vida nos deixa, trataremos de proseguir esta comunicación despois do verán. E se non, ata sempre na memoria agradecida. Segues tan túzaro coma sempre, pero es boa xente e por iso te aprecia

Bernardo

Foto: O´Riesan

19/06/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión