Cartas a Antón


Bernardo García Cendán

Lugo, 5 de xuño do 2009

Meu amigo Antón:

Xa me gustaría facer o que me pides a cotío. Efectivamente, tamén a min me da moita pena despedir aos vilalbeses que se van de entre nós definitivamente. Algo deles, sen embargo, queda sempre nas nosas vidas, porque estaban aí cando aprendiamos a primeira das leccións sociais, relacionarnos coa xente. A xente eran eles e elas, os que agora van marchando. Xa sei, meu amigo, que ti tamén o percibes así, e por iso non me estraña que me insistas en que nestas cartas deixe constancia do noso pesar por cada adeus pronunciado no silencio dun nó na gorxa e dunha pregaria nos beizos. Ben quixera eu compracerte, Antón, porque estou convencido de que, se un día no futuro, alguén atopase estas comunicacións e lle dera por lelas, había ser bonito que aparecesen diante dos seus ollos os nomes inesquecibles. Ben quixera, xa que logo, pero comprenderán os lectores que non nos é posible facelo en tódolos casos. Algunhas veces, sen embargo, nin ti nin eu nos podemos resistir. Nesta semana foise Ana e foise Carmita, ambas moi próximas a nós, ambas cedo en demasía: aínda lles quedaba moito amor e moito agradecemento para encher de ledicia os anos do seu devalo por esa costa abaixo da vida que debería ter sido moito máis longa.

Coñecín a Ana en Vilalba, claro. Era a filla do Benigno, o panadeiro, pero, curiosamente, non foi aquí senón no distante París onde aquel coñecemento se trocou en forte amizade: as visitas que nos faciamos no entorno de Versalles, con palabras, risas e larpeiradas vilalbesas, alegráronme moitas tardes de morriñentos domingos de emigrante, e iso non se esquece. Cando, xa retornados, nos atopabamos polas rúas do pobo, aquela amizade reverdecía firme, malia terme ela confesado unha atávica envexa adolescente polo moito que me quería unha malograda irmá súa, chamada Hortensia, a quen eu veneraba nos meus poucos anos. Seguro que alí onde agora estean non ha faltar o meu nome na súa conversa. E dáme azos.

Carmita era miña veciña da praza da igrexa, un micromundo no mundo vilalbés daquela época. Filla da Ánxela, irmá do Epi, levaba no rostro unha ledicia permanente que, sen dúbida, tiña herdada da súa nai e compartida polo recoñecido humor do seu irmán, o dos discursos imprescindibles en toda reunión de vilalbeses que se prezaren de tales. Cada vez que vía a Carmita renacía entre nós unha vella complicidade por buscar algo escrito daqueles discursos “epicéntricos” ou tratar de recordar saborosas anécdotas da súa simpática nai, cousas que eu desexaba publicar. Non foi posible: en poucos anos foi perdendo a Epi e ao seu inseparable Queno, complemento indispensable para manter a fervenza do seu humor, e quedou triste, moi triste, máis do que puido soportar.

Ana e Carmita quedan xa na memoria do corazón e nas letras dunha lápida. Cando ti, meu Antón, vés cada min ao cemiterio, con ocasión dalgún enterramento, nunca deixamos de facer un pequeno percorrido por diante dos nichos onde imos lendo os nomes que gardan en cada unha das súas letras todo canto foi relación humana: unha Vilalba está alí durmida para lembranza perpetua da nosa biografía. Durmida, digo, porque iso é o que significa a palabra cemiterio, dormitorio. E somos ben conscientes de que sen aquela relación mantida cos que alí repousan, moitos dos nosos pensamentos, valores e formas habían ser ben diferentes. Ti pregúntasme moitas veces o que penso eu de que, ao final, os nosos corpos sexan queimados no canto de enterrados. E eu sempre che digo que non me parece mal, pero, como amante dos simbolismos, non che nego o meu desexo de que as cinsas dos incinerados fosen gardadas nun lugar, un cemiterio, onde ti e mais eu puideramos ver unha plaquiña co seu nome. Para soerguer lembranzas, porque, se falla o esquecemento, é cando se morre totalmente. Menos mal que Deus é fiel, pero a nosa memoria precisa estímulos.

Por certo, falando disto, a nosa amiga Tita, a do Tomás, comentábanos estoutro día o que lle acontece actualmente cando visita o camposanto de Vilalba para deixar unhas flores e unhas palabras aos seus. Se se atopa soia, non deixa de sentir, polo visto, un desasosego de inquedanza, non por medo aos que alí dormen senón aos que poden andar moi espertos. Díxonos que desde hai xa un tempo, Vilalba non conta con aquel funcionario amable e servizal que exercía de enterrador, e engadía que este home, aparte do seu oficio, triste pero necesario, facía tamén outro labor non menos importante como era o de acompañar coa súa presenza a cantos alí se achegaban: non era preciso que falara, era suficiente que estivera. Ti e mais eu, Antón, tamén sabiamos daquel apreciable servizo e, por iso, aproveitamos este comentario da nosa amiga para rendérmoslle a Remigio, o finado enterrador, a homenaxe da nosa lembranza e pedirlle ao Concello, no nome de Tita, e seguramente de moitos veciños, que non demore a provisión dese posto imprescindible que acompaña os momentos máis dramáticos da nosa vida.

E remato. Hoxe foi de necrolóxicas, pero tamén a morte forma parte da vida. Cóidate, que non temos présa de irmos durmir. Unha aperta do teu amigo


Bernardo

06/06/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión