Chega a Lugo a mostra "Galicia 25"

Redacción

A exposición interactiva “Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega, 1983-2008″ será inagurada en Lugo o día 10 de xuño ás 20 horas, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos-Deputación Provincial. Organizada polo Consello da Cultura Galega, en colaboración con Caixanova, percorreu xa Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense. En Lugo poderá verse ata o 19 de xullo. A mostra inclúe un programa das actividades e iniciativas que ao longo deste ano levou a cabo o Consello da Cultura para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008).

A mostra é un excepcional exemplo de cooperación por parte da iniciativa privada e das institucións públicas e xurde dunha idea do CCG acollida e apoiada por Caixanova que contou tamén coas contribucións da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura e Deportes. Nela destácase a importancia e a significación da cultura como elemento substancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía.

A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, e que ocupará tres salas nos Centros Cultural e Social de Caixanova, non é un inventario, senón máis ben unha mensaxe de futuro e unha expresión dá pluralidade e do policentrismo da cultura galega, segundo Ramón Villares.

Os comisarios da mostra son Víctor F. Freixanes, Iago Seara e Henrique Monteagudo e está estruturada baixo as denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición abarca arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos máis novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.

05/06/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión