Defenderá Europa a nosa lingua?


Fermín Bouza

Seguindo a liña das miñas preocupacións preferentes penso en Europa e nas eleccións do domingo, e penso sobre todo no idioma histórico do meu país, Galicia, abandonado por unha banda importante da súa burguesía urbana e polo novo goberno da Xunta, que quere representar, sobre todo, a ese sector. Dediquei moitos artigos a este problema que imos afrontar con absoluta determinación a maioría dos galegos. O actual goberno da Xunta de Galicia vai preguntar a máis de 300.000 nais/pais sobre as estratexias lingüísticas a seguir. é máis que probable que se trate de preguntas orientadas, intencionais, sen grande valor democrático. Postos a aceptar esta dinámica na que un goberno pretende apoiar os seus dislates lingüísticos contra o galego na propia opinión do pobo galego a través de sabe deus que preguntas, se cadra conviríalles á oposición e á xente das organizacións cívicas que teñen algo que ver coa lingua esixir formar parte do comité redactor deses textos, do comité organizador da consulta, e dos comités de centros nos que probablemente teña que realizarse esa consulta. Non hai indicios de que isto vaia ser así. Do que si hai indicios é da vontade deste goberno por reducir o galego a un terzo (33%) do ensino desde o 50% actual, e acabar coa única discriminación positiva da que gozaba a nosa lingua marxinada durante séculos: ser a lingua das troncais. Isto sería un desastre científico para a nosa lingua e unha inmensa volta atrás. Os sindicatos que se opoñen teñen toda a razón.

Se descontamos os infinitos incumprimentos da anterior norma, nada disto serviu para moito no período do Bipartito, pois a desigualdade entre galego e castelán é obvia e rotunda en todas as áreas oficiais e dependentes da presión oficial na vida social, e nada diso apenas puido corrixirse nos catro anos do goberno de progreso, que non gobernou a través de actos de forza, e fixo ben, senón con prudentes e insuficientes medidas conservacionistas, máis defensivas que ofensivas. E todo iso engádese e suma á marxinación histórica do galego. A loita que se abre en Galicia é por unha política de igualdade real, que inclúe dar preferencia nas materias troncais á lingua máis feble, único camiño dunha posible recuperación. En perspectiva científica, a "solución" de Feijoo, tal como a vai enunciando, é a morte definitiva da nosa lingua. Son de gran interese as reflexións de Celso Álvarez Cáccamo sobre isto, así como as de tantos outros estudiosos e especialistas galegos e non galegos. É certo, como ben di Celso, que predominan as reflexións políticas sobre as científicas, sobre todo na área do goberno, e o novo secretario xeral de política lingüística non é unha excepción, a pesar da súa declarada e intelixente vontade de ser útil ao galego. Que predominen as reflexións políticas quere dicir que a cuestión central, que é sempre a recuperación da lingua, non está presente na cabeza deste goberno. O camiño científico é claro, sinxelo e bastante rotundo: Cataluña marca a vía a seguir para manter e vitalizar a súa lingua nacional. É posible que a debilidade dos "demócratas lingüísticos" (aqueles que consideran a recuperación do galego como obxectivo prioritario e como o obxectivo democrático e igualitario por excelencia, para operar, agora si, en igualdade de condicións co castelán) non faga posible a prioridade científica sobre a política, e isto é o que leva a que cando se fala de política lingüística a xente estea a pensar en política a secas, sen que ninguén con responsabilidade de goberno, formación científica e vontade de defender o noso patrimonio histórico, fale desde a perspectiva da recuperación. Nin o señor Feijoo, nin o seu conselleiro de educación parecen coñecer con algún rigor as cousas da ciencia social e as súas derivacións sociolingüísticas (ás súas declaracións remítome, algunhas delas francamente ridículas e propias duns incompetentes ou duns malvados de cómic), e apenas o señor secretario de política lingüística di algo sensato aínda que non de todo tranquilizador, tamén el en perspectiva máis política que científica ou recuperacionista.

Todo isto lévanos á única opción posible a medio prazo, sen renunciar a ningunha outra: a mobilización das conciencias nun movemento realmente final pola lingua galega. O que veña despois xa vai ser política pura: xerar unha alternativa sólida, maioritaria e viable para que en catro anos Galicia recupere a súa dignidade e o seu futuro sen deixar de ser ela mesma. Moita xente xa traballa nos dous niveis: a lingua e o futuro político. Se cadra é o momento no que todo o mundo que queira botar unha man
se integre nalgunha plataforma útil, ou que a cree no seu pobo, barrio, cidade: plataformas cívicas, e non necesariamente partidarias, pola igualdade e a recuperación do galego. Xa estamos en marcha.

04/06/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión