Fernández Paz recibirá a Letra E da AELG

Manuel París

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) está preparando unha nova edición da homenaxe "O Escritor na súa Terra", que este ano terá lugar en Vilalba da man de Agustín Fernández Paz. Este evento conleva a distinción de Socio de Honra da AELG.

Os actos programados darán comezo ás 12 horas, no Parque Agustín Fernández Paz (Barrio das Fontiñas) coa plantación dunha bidueira –árbore simbólica do escritor– e o descubrimento do Monolito Escultórico e da praca que atribúe o nome do homeaxeado ao lugar. Neste primeiro acto intervirán o presidente e a secretaria da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas Zas. Posteriormente, a comitiva desprazaráse até o Centro Cultural e Recreativo, onde ás 13 horas faráse entrega a Agustín da “Letra E”, unha figura escultórica elaborada por Silverio Rivas; o editor de Xeráis, Manuel Bragado, será o responsable da laudatio ao escritor chairego. Para rematar, as 14:30 horas celebraráse un xantar de confraternidade no Parador de Vilalba.

Estes actos están abertos a tod@s @s soci@s da AELG, á vecindade da Terra Chá e a calquera persoa interesada. O custe do prato será de 32 €, que se abonarán no propio restaurante. Para máis información e confirmar asistencia, contactar coa Asociación no teléfono 981 133233 ou en oficina@aelg.org, até o luns 15 de xuño.

Outros galardoados en anteriores edicións de “O Escritor na súa Terra” foron: Antón Avilés de Taramancos, Bernardino Graña, Manuel Maria, Maria Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Luz Pozo Garza, Xosé Chao Rego, Xosé Fernández Ferreiro, Salvador García Bodaño, Pura e Dora Vázquez, Maria do Carme Kruckenberg, Manuel Lourenzo e Xosé Vázquez Pintor.

11/06/2009

2 comentários :

  • Merecida ten Agustin a homenaxe.Lástima que para calquer acto deste tipo sempre se fagan actos que criban a asistencia do común, como o xantar no Parador; penso que debian ser actos abertos coa participación da cidadanía e deixarse de "comelladas".
    Seguro que Agustin está de acordo có anterior.
    O Centro Recreativo tampouco penso eu que seña o lugar axeitado, a moita xente dalle para atrás, xa que é un local privado.

    FENDETESTAS

    11:32 do 12 de xuño de 2009

  • Ás 12 da mañán no parque que levará o seu nome, o acto é plenamente aberto. Agardemos que os vilalbeses saiban honrar a un dos seus fillos máis lúcidos. Logo no Centro Cultural, ao que se entra libremente e onde os actos culturais son plenamente abertos, haberá un acto literario. Agardo tamén que os vilalbeses saiban que hai que acompañar a AGUSTÍN NO DÍA EN QUE O SEU POBO O HOMENAXEA. Deixémonos de lerias de local axeitado, que si viñera o Bisbal non habería tantas reticencias.

    17:13 do 19 de xuño de 2009

Danos a túa opinión