Non vos preocupedes... Ou si?


María Xosé Lamas

Son catro oligarcas apoiados por uns cantos pseudoburgueses urbanitas. Pero teñen a tixola polo mango, hoxe; mañá acaso toda a batería de cociña. Que tristura!

E son catro e uns poucos máis, somentes. Pois a maioría dos votantes do PP son galego falantes, fórono sempre; aqueles que se deixan levar, que achantan coas falacias indiscutíbeis dos seus líderes, pero, non obstante, seguen a comunicarse coa súa lingua, a de sempre, a que mamaron e a que aman. Eles, aínda que se deixen enganar por promesas incumpríbeis, son os que seguen a conservar, a utilizar e a fomentar entre os seus descendentes máis novos a lingua nai. Eles van ser tamén os que, paradoxalmente, apoien ese bilingüísmo mal entendido que propoñen os seus líderes, sen considerar nin plantexarse o que defenden. Que tristura!

É que só uns poucos somos conscientes do grande problema que supón romper definitivamente o Plan de Normalización Lingüística aprobado hai nada menos que 26 anos e co… mesmo PP de hoxe …no poder?

Acaso non, non é o mesmo PP de hoxe. Hoxe son catro integristas –se se me permite- que buscan a distinción en feitos inverosímis por falta doutra orixinalidade. Son catro herdeiros da dereita máis moderada –non lles queda outra- disfrazada dese extremismo aznarista e “das FAES auténtica” que loitan por acumular poder a toda costa.

Quizais coidan que este é o camiño, o de contentar a uns cantos votantes cosmopolitas, pero están nun erro. A súa senda debera percorrer os pasos da forza que dá a defensa do “noso”: a nosa cultura, a nosa idiosincrasia, a nosa identidade: a nosa lingua. Así acadarían a orixinalidade da que carecen e todos e todas gañariamos en Galiza. Independentemente das nosas ideas socio-políticas e económicas, seguiriamos a ser nós os que facemos terra e cultura, os que a defendemos porque é o noso máis grande tesouro.

Quedamos outros catro que loitaremos contra vento e maresía con quen nos quere impor o alleo como propio. Mais venceremos!

02/06/2009

1 comentários :

  • Así é, tal cual, os que están salvando a Nosa Fala son os mesmos que apoian a GB e a súa órbita, e ben certo que a cidadanía conservadora son na súa maioría Galegofalantes e PPvotantes.
    O lúns na Galega puidose ver con nitidade como é o PP a través da súa candidata Carmen Fraga, ainda que con pouca soltura falou en castelán cousa que penso que o PP pagará, máis axiña que tarde.Xa comeza a visualizarse a GB no PP, eso sí con moita cordialidade, máis só para eles mesmos.Pois din que son os que nos salvaran en Europa, e nin tan siquera falan Galego.

    11:07 do 3 de xuño de 2009

Danos a túa opinión